Descrición dos monumentos de Beariz de Montes





MONUMENTOS DE BEARIZ  DE MONTES

Xesús Antonio Gulías Lamas

IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE BEARIZ DE MONTES
(ano 1625)

 (Beariz de Montes)
   No ano 1607 escribía, sobre a parroquia de Santa María de Beariz de Montes,  Don Xerónimo del Hoyo, cóengo e cardeal da Santa Igrexa de Santiago e visitador do Arcebispo Don Maximiliano de Austria, o seguinte: “Tiene esta feligresía ciento quince feligreses. Los fructos todos los lleva el monasterio de Santa María de Aceveiro, cuyo anexo es, y el rector catorce fanegas y medio de centeno y siete de mijo y la mitad de las primicias que es medio ferrado de cada casa y el diesmo del lugar de Magros que era diez y ocho o veinte fanegas de pan y lo tiene arrendado todo en cincuenta ducados y lo que lleva el dicho monasterio valdrá ducientos ducados. Presentación del mesmo monasterio. La fábrica tiene de renta honce fanegas de pan. Hay dos hermitas, una  de San Pedro y otra de San Bartolomé. Hai una capilla en el cuerpo de la iglesia al lado del Evangelio, que fundó Fernando d’Ogando, escribano de aquí, con dos misas cada semana”.(1)

   Non sabemos con exactitude cando deron comezo as obras da actual igrexa de Santa María de Beariz de Montes, porque a maioría dos libros pereceron o 15 de agosto do ano 1748, nun incendio que asolou a reitoral do priorado de Beariz, pero polo que nos conta o cardeal del Hoyo, no ano 1607, xa estaba feita, polo menos, parte da nave, xa que nos fala da “capela lateral que hai no corpo da igrexa do lado do evanxeo, que fundou Fernando d’ Ogando”. (Entre os libros que se salvaron da queima están o de Bautizos: 1708-1744; o de Casados: 1709-1768; o de Defuntos: 1706-1763 e o de fábrica de 1720, posiblemente por estar na igrexa para facer alí as anotacións).


   Pero o que si sabemos con exactitude, é que o día 7 de setembro do  ano 1625, o mestre carpinteiro, Domingo de Castro, natural de San Martiño de Cameixa, xurisdición de Castro Cavadoso, recibiu do mordomo e fabriqueiro da igrexa de Beariz, Gregorio Vázquez, “…cincuenta y cuatro ducados que el sobredicho pagó para en parte de pago de las obras y altar de la dicha iglesia de Veariz, en que está atendiendo…los cuales dichos cincuenta y cuatro ducados son en dinero, además de la dicha baxa que queda de fuera, que el sobredicho para la obra de la iglesia dicha que le tengo que pagar”. (2)

   Así as cousas, podemos encadrar o comezo das obras do presbiterio e da nave, entre os anos finais do século XVI ou principios do XVII e o seu remate, arredor do ano 1625, que é cando se fai o pago arriba sinalado. Por esas datas foron Arcebispos da Arquidiocese de Santiago, Don Juan de San Clemente y Torquemada (1587-1602) , D. Maximiliano de Austria (1603-1614), D. Xoán Beltrán Guevara y Figueroa (1615-1622), D. Luis Fernández de Córdoba Portocarrero (1622-1624).

   Tamén por eses anos podemos datar como  Xuíces Meiriños da Xurisdición de Montes, a D. Isidro Gonzalo de Ayora y Torquemada (1591-1594; a D. Gonzalo Varela (1594); a D. Pedro de las Landeras (1595); a D. Juan de Morgade (1603); a D. Pedro de las Landeras (de novo en 1605);  a D. Xerónimo de la Rúa y Tamayo (1610-1614); a D. Melchor de Figueroa y Cienfuegos (1614); nese mesmo ano a D. Alonso de Villanueva (1614); a D. Felipe de la Torre (1615);  a D. Servan Antonio Pacheco (1615); nese mesmo ano a D. Cristóbal de Soto Cortés y Buncharde (1615); a D. Gregorio de Lanzós y Andrade (1615-1618); a D. Xoán de Figueroa (1619-1622); a D. Xoán Martínez de Zarzoça (1622-1623); a D. Alonso Borraxo de Náxera (1623—1624); e finalmente a D. Xoán de Salcedo (1625).

   Á nave, de xeito postizo, abríronlle nos muros laterais, a cada lado, unha capela coas advocacións do Rosario e das Ánimas, que se corresponden coas actuais dos Corazóns de Xesús e de María. As que son contemporáneas á fábrica, son as capelas de San Antonio e do Santo Cristo, que foron fundadas baixo as advocacións de Santa Bárbara e San Isidro, respectivamente. Debemos sinalar tamén, como dato anecdótico, que o eixe da nave está lixeiramente desprazado cara ó norte, con relación ó eixe do presbiterio, polo que a clave do arco de triunfo, coincide coa clave da bóveda do presbiterio, pero non co eixe da nave no seu primeiro tramo, xa que a lanterna está desplazada ó norte.

                                 (Torre de Cerviño. Igrexa de Santa María de Beariz)

   O monumento é de estilo neoclásico galego, salvo a torre que é barroca. No interior, o presbiterio é de planta cuadrangular con bóveda  semiplana de cruzaría. De cada vértice saen tres nervios que conflúen no centro da bóveda formando un círculo con oito radios. Catro rematan en medallóns coa figura de cada un dos evanxelistas e os outros catro rematan en floróns con atavíos  vexetais. No centro do círculo, como clave da bóveda, vai un medallón máis grande cós descritos no que se representa a Nosa Señora na súa advocación da Asunción levada por catro anxiños. Polos muros laterais impóstase un nervio en peito de pomba describindo un arco de medio punto que apea nas ménsulas que sustentan os nervios anteriormente referidos. Polo muro sur abre unha fiestra estreita, semellante a unha seteira e un pouco máis abaixo, unha de maiores dimensións, ambas con verteluces ó interior. O muro norte abre unha  fiestra con dobre verteluz e unha porta -postiza- rematada en chafrán que da acceso á sancristía.

   O arco de triunfo é de medio punto lixeiramente peraltado e apuntado. Está biselado en ambas caras coa cabeza dun anxo en cada un dos arranques do chafrán e pecha  cunha rosácea interna, no centro da clave. Apea sobre ábacos en baquetón con chafrán ó xeito de cimacio. As  pilastras, de sección cadrada, son entregas  cos plintos lisos.

   A nave está dividida en catro vanos, separados por tres arcos faxóns de medio punto rematados en aresta viva. Os vanos van cubertos con bóveda de cruzaría. De cada vértice arranca un nervio para confluír todos no centro onde rematan nun florón de acio con elementos vexetais, salvo o do primeiro pano, que é o máis próximo ó arco de triunfo,  e que remata nunha imposta circular onde se abre unha lanterna, cegada na actualidade. Os arcos apean sobre  unha imposta en cimacio que percorre todo o paramento, mentres que  a bóveda, faino directamente sobre os muros. O cuarto pano, que cubre a tribuna, só abre unha pequena bufarda polo lado meridional. Os  dous panos centrais, abren sendas fiestras rectangulares a cada lado, con verteluces ó interior e o primeiro, sen luces nos muros, abre a mencionada lanterna no centro da bóveda, tapiada na actualidade.

   Nos primeiros días do ano 1704, o visitador do Arcebispo, Monseñor Antonio de Monroy, -Don Pantaleón de la Pedriza- mandoulle ó reitor e ós veciños de Beariz, que lle fixeran á igrexa unha sancristía. Frei Manuel Rodríguez, sen ter en conta as disposicións diocesanas (pois era frade cisterciense e xurdían daquela, moitas veces, certas tensións entre o arcebispado e o mosteiro de Acibeiro, ó que pertencía directamente, o priorado de Beariz) e o mordomo Gregorio Cendón da Bouza, déronlle a obra sen pública poxa a Xosé do Barro, mestre de cantería, natural de San Martiño de Figueroa, xurisdición de Montes, na cantidade de tres mil reais de vellón. Cando o mestre xa estaba arrincado a pedra, o veciño de Beariz, Agostiño Vázquez “…ganó despacho del Provisor pa. que se sacase a subasta  al mejor postor”. (3)  Tanto frei Manuel Rodriguez coma Gregorio Cendón da Bouza foron amoestados  polos comisionados, D.  Francisco Correa, Arcipreste de Montes e Reitor de Presqueiras e o Reitor de Millerada, D. Alonso Varela Recemil. Deste xeito o 28 de abril de 1704, despois de saír en pública poxa, comeza as obras, por ser o mellor ofertante, o mestre de cantería Carlos da Riva, veciño de Xirazga, e nativo de Folgoso. (Este Carlos da Riva, mestre de cantería, era sobriño do párroco de Xirazga, que tamén se chamaba D. Carlos da Riva).

  A obra foi axustada en 2560 reais de vellón e as condicións eran as seguintes: “…ha de hacer dicha sacristía a su costa, arrimada a la capilla maior de la iglesia, del lado del Evangelio, para ello ha de romper una puerta en la pared de dicha capilla de cuatro cuartas y medio de ancha y nueve cumplidas de alto… ha de ser de medio esquilfe ? liso  y de bóveda y ha de tener cuatro varas de ancho y cinco de largo y otras cinco de alto en hueco, contando desde la superficie de la tierra hasta la última piedra en que se remate la bóveda…con su cornisa de piedra y toda ella bien labrada, lisa y muy de conformidad” (4)

   O retablo da capela maior é de estilo barroco. “En Beariz  el 3 de octubre de 1732, el prior fray Atilano Sánchez, cura de la misma, y Pedro de Outeiro, fabriquero, pusieron anuncios durante tres días festivos en orden a hacer el retablo mayor para Beariz. Acudió Francisco da Vega, vno. de Ribadavia, maestro de talla y escultura como principal y Pedro Rascado, Ambrosio Rascado y Anastasio Fernández, como fiadores, vecinos de Pedre. Dicho maestro dió la planta que fue aceptada y el menor postor, en 4370 reales de vellón con las condiciones siguientes: “…1ro. Que el retablo se ha de ajustar por la citada planta, sin faltar nada. La obra ha de ser toda de castaño del bueno. 2do. En dicho retablo han de quedar cinco caxas para cinco santos, que son San Benito y San Bernardo en las dos más baxas y  San José y San Roque y en medio de estos San Miguel y sobre la custodia un Niño Jesús y más arriba de la custodia otra caxa para la Patrona y las dichas caxas ha de hacer dicho maestro  a su costa las imágenes de los expresados santos, menos la imagen de la Patrona. Y en el remate de dicho retablo ha de hacer una tercera que ha de llegar a la primera clave. Ha de hacer la obra en un año y se le pagará en cuatro plazos…” (5)

   A pintura e dourado de este retablo maior realizárona, Ignacio González, co tamén mestre de pintura Dionisio de Presegueiro e o seu fillo, no ano 1754. A primeiros de xaneiro de ese ano o mordomo e fabriqueiro, co consentimento e as licencias necesarias puxo cédulas na porta de igrexa para que acudiran mestres para pintar e dourar o retablo da capela maior. “Se hicieron posturas que en tales obras se requieren en tres días festivos y el último domingo de dicho mes y año se le remató a Dionisio y a su hijo de Presigueiro y a Ignacio González, vecino de la feligresía de Santa María de Sobrado, y a aquellos vecinos de Nonas, jurisdición de Castro Cabadoso en la cantidad de 5180 reales de vellón. Pasaron  la escritura ante Lucas Doval, vecino de la feligresía de Millerada, jurisdición de Montes”. (6)

   A tribuna é de arco semiplano con apeo nos muros da nave. Foi axustada por Frei Pablo de Piña no ano 1747 en 300 reais de vellón.

   No ano 1724 visitou a igrexa de Beariz o Ilmo. Sr. Don Miguel Herrero Esgueva, Arcebispo e señor de Santiago, sendo cura deste beneficio o Rvdo. Don Francisco Cid Fernández e di o Arcebispo que “hay en este templo una capilla de Nuestra Señora del Rosario, que ésta se halla en el templo parroquial del lado del Evangelio… no hallando en ella altar, ni santo alguno propio de la capilla ni hornamentos.” (7) Esta capela foi fundada por Fernando de Ogando coa carga de dúas misas semanais máis outras tres: unha cantada e dúas rezadas o día de Nosa Señora do Rosario. Foi coñecida coma a capela dos Gandos ou dos Ogandos. O patrón na actualidade é o Sagrado Corazón de Xesús.

   A capela de Animas era a que está situada do lado da epístola e foi fundada no ano 1767 por Agostiño Vázquez con 10 misas anuais. Nese ano, estaba a cargo do capelán Don Benito Vázquez. O visitador  mándalle ó párroco, Fr. Sebastián Delgado, da orde cisterciense, que lle presente copia da súa fundación para agregala ó Libro de Fábrica. (8). No ano 1778 era capelán desta capela Don Carlos Rivas, veciño de Xirazga, posiblemente, neto de Carlos da Riva, o que fora construtor da sancristía de Beariz. Esta capela era coñecida coma dos Vázquez ou de Animas.  Na actualidade a súa patroa é o Sagrado  Corazón de María.

   O día 3 de setembro do ano 1742,  “…habiendo precedido las licencias necesarias y juntamente puestas las cédulas para que acudiesen maestros en tres días festivos a poner en posturas los dos retablos colaterales de este templo, habiéndose ejecutado todo se remataron en el último domingo de septiembre a Gabriel Rodríguez, vecino de la villa de Ribadavia en 40 ducados de vellón cada retablo, dándole la fábrica la madera a su cuenta, con la condición de que cada lateral ha de tener diez palmos de ancho y quince de alto.  Los dos santos que han de llevar dichos colaterales se remataron al vecino de Puente Areas cada uno en 140 reales de vellón. Los santos han de ser: el Sr. San Isidro y Santa Bárbara. Las partidas que se le han entregado a dichos maestros costaron según el discurso de estas cuentas. Le entregó el mayordomo Jacobo Vázquez, vecino de la Bouza, en la primera partida al maestro de los retablos 424 reales de vellón y después le entregó al mismo maestro el citado mayordomo 436 reales y medio”. (9)

   O retablo de San Isidro corresponde na actualidade ó do Santo Cristo e o de San Bárbara ó que hoxe patrocina  San Antonio. Estes retablos foron pintados por primeira vez no ano 1758, sendo prior de Beariz Fr. Plácido Careño “…habiendo procedido a las licencias necesarias se hicieron las posturas en tres días festivos para dorar los altares colaterales de la iglesia y se remataron a Dionisio y Francisco Antonio, vecinos de Moldes en 100 ducados y reconociendo su pérdida se les dieron 114 reales más”. (10)



                                                  (Campá grande da igrexa de Beariz)

   No ano 1776 pagóuselle ó campaneiro de Tabeirós 407 reais pola campá situada ó norte e no ano 1782  fabricouse a que está situada ó sur. Estas dúas campás teñen sendas fendeduras a causa dun raio que derrubou o campanario orixinal. No ano 1813, sendo prior de Beariz Fr. Francisco Biejo, fíxose a campá grande que está colocada  cara ó poñente. Fabricouna Taboada e ten unha lenda en latín e outra en castelá que di : “Soy de Santa María de Beariz”. A campá axustouse  a 10 reais por libra e pesou 885 libras, polo que se lle abonou ó campaneiro 8.850 reais de vellón. Gastáronse ademais nesta campá 48 reais en salarios para ila buscar e 5 máis en viño. Por 6 días que se empregaron no porte dende Pontevedra, pagáronse 124 reais. Por ir buscar o badal e axustalo, 72 reais. Por repasar a campá, 20 reais e en pan e viño, 19 reais. “…se ajustó el subirla con la maza y demás herrajes  en 725 reales de vellón”. (11)
                                                  
                                                              (Fachada occidental)

   Finalmente no ano 1906, sendo párroco de Beariz D. Enrique Cachafeiro, fabricou Melchor Ocampo, en Arcos da Condesa, a campá medina, colocada na parte oriental da torre de Beariz.

   Na actualidade, o piso da igrexa de Beariz é de mármore branco. Colocouse no ano 1965, sendo párroco o Rvdo. D. Manuel Guerra Fernández e costeado por un fregués anónimo.

   O anterior piso (todo de pedra, e que na actualidade está por debaixo do postizo) fora feito polo mestre de obras Benito Barqueiro, veciño de Beariz. Era prior, o cisterciense,  Fr. Gregorio Oñate. A obra foille contratada a Barqueiro, no ano 1804 polo mordomo Benito do Porto na cantidade de 2.520 reais de vellón. No ano 1807 empregáronse ademais para rematala, 254 reais en xornais e viño para ós carreteiros.

   A Casa da Obra está acaroada ó muro norte da nave, formando coa parede occidental da sancristía un pequeno recinto que serve como dispensario e almacén da igrexa. Fíxose no ano 1766, sendo priores de Beariz Fr. Bernardo Rodríguez e Fr. Froilán Roldán. Era por esa data mordomo da fábrica da igrexa Bartolomeu do Barro. O Prior Fr. Froilán Roldán “…con consentimiento de los feligreses se puso a “poxos” en tres días de fiesta, (la casa de la obra) rematándose en la cantidad de 600 reales de vellón. En cubrirla se gastaron en jornales del carpintero, clavos y en dos vigas y tijeras 15 reales de vellón. La losa costó 173 reales y el trabajo de dos oficiales durante  7 días y medio a cutro reles cada día importó 60 reales de vellón”. (12)

   Entre os anos 1773 e 1779  fíxose o muro do adro e as cruces do viacrucis das que na actualidade só se conservan cinco, pola parte norte. Era  prior de Beariz, Fr. Christobal Losada, segundo podemos constatar na inscrición que hai na parte máis noroccidental deste muro.

    As primeiras cancelas de ferro colocáronse no ano 1816, por indicación do Rv. D. Caetano de Soto e Varela, Arcipreste de Montes e sendo Arcebispo de Santiago o Excmo. Sr. D. Rafael Múzquiz y Adunate e prior de Beariz Fr. Próspero Mañueco.


                                               (Base medieval da pía bautismal)

   No libro de Fábrica da Igrexa, no ano 1785, fálase dun Oratorio na casa do cura-párroco, que ten autorización para celebrar misa, pola moita distancia que había dende alí á igrexa parroquial “y otras muchas incomodidades, en especial en invierno”. Este oratorio, estaba situado no Nabal dos Frades,  onde están actualmente a casa das Balbinas e do Ogando, pois así se coñece no Candedo este recuncho, como a “Casa dos Frades”.  Fr. Nicolás de Baracaldo, prégoulle ó Arcebispo, que lle permita seguir dicindo alí misa, “…mientras el Rvdo. Abad de Acibeiro no dispone que se reedifique la casa rectoral o se construya de nuevo, en un sitio cómodo y más inmediato a la iglesia cuya obra se recomienda con la mayor eficacia por las utilidades que de ella se siguen al Monasterio y a la adminstración de la pastoral espiritual de los feligreses. Y si el Monasterio no lo hace de facultad, se haga a cuenta de las limosnas de los feligreses, y se construya la casa… nueva contribuyendo el Monasterio con aquella parte que le permitan sus facultades”. (13)

   No exterior, a fachada occidental é dun só pano, enmarcada por dous falsos contrafortes. No centro abre unha porta rectangular con orelleiras. Sobre esta, un frontón  triangular impostado e no medio, unha fornela cunha imaxe moi deteriorada en pedra da Virxe, baixo a advocación da Asunción, cos brazos estendidos e dúas cabezas de anxos ós pés. Un par de grandes pendóns monolíticos con arranque de sección cadrada para converterse en piramidal con bóla e remate cónico, atavían os extremos da fachada.  Sobre esta, emerxe a torre. O primeiro corpo é de planta cadrada e alzado rectangular cunha columna salomónica en cada esquina e ampla balconada de balaústres.  Abre catro ocos con arcos de medio punto peraltados que acubillan as campás e remata nunha cornixa de peito de pomba.  O segundo corpo é de sección octogonal con catro tramos cegos e catro arcos  de medio punto con balaustrada pola metade e unha imposta de peito de pomba por todo o arredor, ó xeito de cornixa. En cada esquina leva de atavío, un pendón piramidal con arranque cadrado e rematado en bóla con pico.  Sobre este corpo, emerxe o casquete, que está coroado na actualidade, por un pendón truncado con remate de cruz de pedra. (Anteriormente tiña cruz de ferro con pararraios). Nas esquinas  leva como atavíos, pendóns semellantes ós anteriormente descritos, só que  máis pequenos. No arco occidental do segundo corpo, e apeado enriba da cornixa, vai un reloxo que nun tempo funcionou, marcando  as horas a golpe de badaladas, sobre a campá grande. Accédese a ela  por unha porta aberta ó norte, mediante  escaleiras de caracol.



                                  (Nave da igrexa de Santa María de Beariz de Montes)

   Esta torre reedificouna o mestre Xosé Cerviño García, coñecido tamén como Pepe da Pena, no derradeiro cuarto do século XIX. Naceu este formidable e fantástico mestre de cantería, no lugar da Pena, parroquia de Santa María de Aguasantas (Cotobade) o 23 de maio de 1843 e morreu no mesmo lugar o día 4 de xaneiro do  ano 1922. Ademais da torre, Cerviño fixo en Beariz, por esas mesmas datas, o Panteón do deputado D. Domingo Antonio Merelles. Traballou na reconstrución da escaleira do convento de San Domingos de Bonaval, que fixera Domingos de Andrade. Fixo o Cruceiro de Hío antes de cumprir os 30 anos. Traballou na capela do pazo de Lourizán,  que foi de Montero Ríos (hoxe desaparecida a orixinal). Fixo algúns reparos na igrexa de Santa María de Aguasantas. Realizou fantásticos panteóns, nos cemiterios de Ponteareas, Guillade, Antas, Celeiros, Pías, Mondariz, Cangas do Morrazo, Lougares, Lois, Taboexa, Tourón, Anceu, Forzáns, Xunqueiras, Valongo, e Aguasantas. Tallou o cruceiro de San Salvador de Xirazga no ano 1896, sendo párroco desa fregresía D. Manuel Carballal e Carballal. Por esas datas, tamén reedificou a torre da súa igrexa parroquial, que fora derrubada por un raio. Fixo a torre da igrexa de Santiago de Viascón e os cruceiros de Santiago de Covelo, do Castro de Troña, e un desencravo que hai nunha casa particular, sobre o lintel do seu portal, no barrio das Cachadas, á entrada da vila de Ponteareas. (Esta peza é moi semellante ó desencravo do cruceiro de Hío). Tamén fixo na vila do Tea, no ano 1876 a fonte da Fama e na vila de O Porriño, a fonte do Cristo, no ano 1907. Cando xa estaba cego, axudoulle a facer un Crucifixo á súa filla Telesfora Cerviño que podemos ver na capela de Famelga, parroquia de Santa María de Aguasantas.

   A Cruz procesional é unha fermosa obra de ourivaría, feita en prata polo prateiro compostelán Xurxo Cedeira “o mozo”,  no ano 1600. Di Pablo Pérez Constanti, no Diccionario de Artistas: “…hizo una cruz de plata (como a de San Estevo de Pedre) de trece marcos de peso labrada en romano para Santa María de Beariz que llevaría  el pie de linterna con sus seis pilares y seis apóstoles… y el asta de arriba de romano con sus serafines y sus cuatro evangelistas”.(14). Deste prateiro sabemos que era fillo de Xurxo Cedeira “o Vello”, posiblemente oriúndo de Portugal, pero afincado en Santiago. O noso prateiro, do mesmo nome co pai, atopámolo facendo a súa primeira obra no ano 1590. Na Terra de Montes, ademais das cruces procesionais de Beariz e Pedre, fixo tamén a de San Pedro de Parada, e na veciña Tabeirós, a de San Martiño de Riobó. Casou con Elena Correa e deducimos que morreu antes do 3 de decembro de 1620, porque nesta data, “comprométese o seu fillo, Bartolomeu Cedeira, a rematar  un cáliz e unha custodia para Santa María de Entines, en Serra de Outes, que segundo unha escritura  firmada polo su pai, debía ser entregada a esa parroquia, e non a puido acabar, porque falecera”.

   As marcas que eu atopei nos muros desta igrexa son dúas cruces: unha está na fachada occidental á man dereita e a outra na tribuna. Posiblemente sexan da antiga fábrica, pois non ten ningún senso que estas marcas estean onde están, dado que na época en que se edificou a igrexa, xa desaparecera por completo este uso, entre os canteiros.

  
(1) Gerónimo del Hoyo, Memorias del Arzobispado de Santiago. fols. 463vº-464. paxs. 496-497.
(2) Prto. Alonso de Ogando, Nº 1711-1712. Ar. H. de Po.
(3) Protocolo  Manuel da Riva, fol. 32. Nº 1767. Ar. H. de Po.
(4) Prot. Manuel Da Silva. Fol. 32. Nº 1767. A.H. de Po.
(5) Prot. Gonzalo de Arén y Losada. Fol. 102 Nº 1804. Ar. H. de Po.
(6) Libro de Fábrica 1720-1831. fol. 53. Parroquia de Santa María de  Beariz
(7) Libro de Fábrica 1720-1831.  fol. 9 V.
(8) Libro de Fábrica 1720-1831.  fol 21. V.
(9) Libro de Fábrica 1720-1831.  3.6.15. fol. 53.
(10) Libro de Fábrica 1720-1831.  3.6.15. fol . 85.
(11) Libro de Fábrica 1720-1831. fol. 172 V.
(12) Libro de Fábrica 1720-1831. fol.  83 V.
(13) Libro de Fábrica 1720-1831. fol. 131 V.
(14) Diccionario de Artistas. Pérez Constanti, Pablo. pax. 112.

PONTE BAISTE
(S. XIV-XV)



Ponte Liñares


    Esta ponte medieval tardía, ten dúas características propias dos monumentos de Montes de esta época: estilo exclusivamente popular e fábrica totalmente de lousa. Se o comparamos coa torre da Alarma de Barciela, veremos moitas semellanzas, por iso penso que a podemos encadrar dentro das mesmas datas.

    Componse de tres ollos, por onde descorren as augas do río Avia, que fai de liña divisoria entre a Terra de Montes e Avión. Os dous ollos principais están formados por dous tramos rectos de muro, separados  entre si por unha pilastra con corta augas en ángulo entrego, que emerxe dende o centro do río para formar dous falsos arcos, ó xeito de pirámides truncadas fabricadas con grandes chantóns, que sustentan toda a súa estrutura. O ollo meridional, moito máis pequeno, pero de semellante directriz, serve de alivio no tempo das cheas. Contando tamén o ollo de desaugadoiro, mide dezaoito metros de longo, cinco de ancho e catro de altura, dende o arranque da cepa principal. Comunica ós lugares de Garfián e Baiste.

   Na actualidade non ten varandas, pero posiblemente os tivera en orixe, xa que leva unha especie de encadre nas beiras. Ata o ano 1923 foi a única ponte que comunicaba a Terra de Montes con Avión e o Ribeiro.


                                                          PONTE LIÑARES

   Trátase dunha ponte sobre o río Avia, realizada en granito concertado, orixinariamente dun só arco rebaixado e rematado en aresta viva. Pertence á estrada OR 213 que une a Ermida con San Cristovo. Foi inaugurada no ano 1923 e realizada case toda por canteiros de Beariz e Magros. (1)

   Actualmente está reformada. Para reforzar a súa consistencia engadíronlle un falso arco de concreto que arranca do leito do río  e tapa pola parte occidental, o arco de orixe. Ó mesmo tempo aumentóuselle por ese lado, unha especie de beiril para ancheala. Une as localidades de Beariz e Liñares.


(1) Gulías Lamas, X. Revista “O Quince” 2004. paxs. 4-17.




CAPELA  DE  SAN  PEDRO

   A capela de San Pedro está chantada no medio dunha carballeira centenaria que hai sobre un pequeno outeiro no lugar de Muradás. Dende esta atalaia pódese divisar todo o val de Beariz, o coto de Marcofán, Pena Corneira e a impoñente serra do Suído. Aquí, cando se fixo a derradeira reforma, atopáronse vestixios prerrománicos e cristiáns, polo que podemos deducir que houbo un castro celta e posteriormente, nas primeiras repoboacións dos chamados “cristiáns vellos”,  un cemiterio e un centro de culto.                           

   O actual santuario forma parte do  trío das pequenas capelas que pertencen á parroquia de Santa María de Beariz de Montes: San Pedro, en Muradás; San Xoán, en Magros e San Bartolomeu, na Bouza. Tanto a de  San Pedro como a de San Bartolomeu xa nos dá conta delas, o Cardeal Del Hoyo, no seu manuscrito: “Memorias del Arcebispado de Santiago” do ano 1607, cando di: “…Hai dos hermitas, una de San Pedro y otra de San Bartolomé”. (1)


                                              Cruceiro da capela de San Pedro
                                          

A documentación escrita que se conserva, está nos libros de fábrica da Igrexa parroquial de Santa María de Beariz, posteriores ó incendio de 1748. No ano 1775 esta capela estaba arruinada e fíxoselle a porta. Custou a obra 176 reais de vellón (2) e  no ano 1778 hai unha partida de cartos para retellala. Na visita que  fai este mesmo ano o Ilmo. Sr.  Juan Vara Fondevila, do Consello da súa Maxestade, bispo de Tanes e visitador Xeral do Arcebispo de Santiago, o Ilmo. Sr. D. Francisco Alexandro Bocanegra y Ginaga, di que “esta ermita se halla en el término de esta parroquia y  es de los vecinos, sin patronato ni renta alguna… y solo se celebra en ella misa el día del santo”.  Manda que se retelle completamente e se calee por fora e por dentro (3). No ano 1875 foi visitada polo Ilmo. Sr. D. Sebastián Malvar y Pando, Arcebispo y señor de la Santa, Apostólica y Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela e dise que “hay una ermita de San Pedro en los términos de esta parroquia … y en ella está fundada una capellanía que hoy posee Don Francisco Rodríguez con la pensión de 54 misas rezadas. (4) No ano 1816 visita a capela o Dr. D. Cayetano de Soto y Varela, arcipreste e visitador do arciprestado de Montes, sendo arcebispo de Compostela o Excmo. Sr. Don Rafael de Múzquiz y Aldunate. O visitador manda que “de no componerse la ermita de San Pedro en el término de seis meses, sea el párroco multado con dos ducados y aplicados para adecentar la imagen del santo”.  E propón, que leven a imaxe en procesión á igrexa e desfagan a capela e no seu lugar poñan un cruceiro. (5).  Pásalle tamén oficio ó seu capelán D. Ramón Francisco da Lama.(6)

    No ano 1823 a capela estaba composta, pois só se fala de dous  pequenos arranxos: custou a pechadura 5 reais e 19 máis que pagou o mordomo por un retellado. (7)

   Trátase, dunha pequena capela de planta rectangular, co teito a dúas augas, ó máis puro estilo popular, que foi reformada amplamente, ó traveso dos anos. Os muros, fabricados en lousa, están  completamente aplanados e van encadrados entre perpiaños de granito e apeados sobre un ribanco  de sillería concertada.

   A fachada occidental abre unha porta rectangular con lintel liso e xambas de perpiaños rectos sobre os que vai un arco de medio punto rebaixado e rematado en aresta viva, apeado directamente sobre unha lumieira encadrada no muro, ó xeito de luneto. Leva encima, unha repisa postiza que sustenta a un San Pedro de pedra, (o orixinal) policromado de xeito rudo, non hai moitos anos, para rematar nunha pequena espadana con arco de medio punto apeado nun par de pedereitos e estes fano sobre unha cornixa modulada. No centro do arco vai unha pequena campá e sobre os esquinais de ambos lados, leva como atavíos, un pendón piramidal. A cornixa, de peito de Pomba, sustenta por ambos lados unha fileira de lousas, moi propia da construción desta terra. A actual cubrición é de tella plana e tanto polo lado norte coma polo meridional, abre sendas seteiras rectangulares con verteluces ó exterior.

   No interior os muros están completamente aplanados. Leva o teito de madeira e o piso de plaqueta moderna. O retablo de estilo barroco popular, presenta dous corpos separados  horizontalmente por unha imposta modulada, apeada en columnas de sección rectangular, ataviadas con talos e diversos ornamentos vexetais. O corpo superior leva no ápice o ollo de Deus, inscrito nun triángulo, e este, sobre un círculo con irradiacións. Toda a decoración é de elementos vexetais, propios do barroco popular. O corpo inferior, abre no centro un arco de medio punto cunha caixa, ou fornela, que acubilla a imaxe do seu patrón, San Pedro, recentemente restaurado; ó lado norte, San Antonio e ó sur, o Sagrado Corazón e sobre mesas postizas, a ambos lados, unha imaxe do Perpetuo Socorro e outra de San Bernardo, -esta de talla popular, á que considero de gran valor etnográfico- que antigamente flanqueaba ó patrón con outra imaxe similar de San Bieito, roubada a comezos dos anos oitenta e actualmente, en paradoiro descoñecido.


(1)   Memorias del Arzobispado de Santiago. Gerónimo del Hoyo. 1607. Transcripción feita por D. A. Rodríguez González, pax. 497.
(2)   Arquivo Histórico Diocesano de Ourense. Parroquia de Santa María de Beariz. Libro de Fábrica de 1720-1831 fol. 109 V.
(3)   O.C. fol. 119.
(4)   O.C. fol. 181 V.
(5)   O.C. fol.  138 V.
(6)   O.C. fol. 178.
(7)   O.C. fol. 190 V.
                                                    
                                                        









                                               MONUMENTO Ó EMIGRANTE
                                                               (século XX)

                                                 (Monumento ó emigrante)

   Está situado na carballeira de San Pedro. A obra foi realizada nunha soa peza en pedra silvestre. Deseñouna e tallouna o escultor ourensán Xosé Cid. Representa, nun estilo modernista, de siluetas e liñas corveadas e moi pouco profundas, un home e  unha muller cun neno no colo en ademán de marcha. Apea sobre unha base monolítica   cúbica  rematada en aresta viva, a corte de canteira, en granito gris de gran cristalino tipo Grisal. A obra ten un peso aproximado de tonelada e media e tivo un custe de cinco millóns de pesetas. Os gastos correron a cargo do concello de Beariz e foi promovida pola Asociación de Amigos da Terra de Montes, como homenaxe ós Emigrantes desta bisbarra.

                                                      CAROZO DE MAZÁN
                                                                     (Carozo de mazá. Ano 2001)

   Este monumento foi realizado por Ester Veiga no ano 2001 con motivo dunha xuntanza que houbo en Beariz de varios escultores, onde realizaron as súas obras ó aire libre, na chamada “Ruta dos Canteiros”, promovida pola Fundación Terras de Beariz. Trátase dunha obra que representa o carozo dunha mazan, para ser colocada  no medio  dun estanque da  que sae polo ápice unha fonte  que  esparexe a auga mansamente por todo seu redor, coma si se tratara dun paraugas. Está realizada en granito albeiro do Monte Aloia. O bloque, cando saíu da canteira pesaba cinco toneladas.



                                                 FONTE DAS CUNCHAS
                                                             (ano 2001)
                                        (Fonte das Cunchas. Ano 2001)

   Trátase dunha fonte composta por un frontal de cento vinte por sesenta e rematado en aresta viva do que penden dúas cunchas de vieira. A inferior máis grande ca superior para que a auga que cae nesta por medio dunha canle sexa vertida, integramente na que está debaixo, e ó rebordar esta, se perda baixo a terra. Foi realizada no ano 2001,  polo escultor Moisés Carbia, natural de Santa María de Baños de Cuntis, con motivo da xuntanza que tivo lugar en Beariz, na chamada “Ruta dos Canteiros”, patrocinada pola Fundación Terras de Beariz. Está fabricada en granito albeiro procedente do Monte Aloia.



                                       IMAXE DE NOSA SEÑORA DE BEARIZ
                                                              (ano 2002)


   É unha copia en pedra, pero de maior tamaño, da imaxe de Nosa Señora de Beariz de Montes, realizada en granito silvestre polo escultor Moisés Carbia. O monumento está colocada  no parque público da Barbeira e foi patrocinado por un matrimonio, veciño de Beariz.






                                 A ESPERANZA DO REGRESO DO EMIGRANTE
                                                              (ano 2001)

   
                          (Esperanza do regreso do emigrante. Ano 2001)

    Este monumento realizado en granito silvestre de gran fino procedente das canteiras de Vilachán, Tomiño, foi tallado en oito días, durante a concentración de canteiros que tivo lugar en Beariz no ano 2001, patrocinado pola Fundación Terras de Beariz. Foi deseñado por Maxín Picallo Jr. e esculpido por Maxín Picallo, pai e Maxín Picallo Jr. Representa a unha muller coa mirada perdida na distancia, as mans xuntas coma se tivera nelas unha bandexa e as pernas enterradas no mesmo pedernal por onde emerxe. Representa a esperanza da muller do emigrante, que agarda cos pés enterrados na terra a que este retorne. O monumento é a tamaño natural e pesa tonelada e media.



                                                                NAI E FILLA
                                                                  (ano 2001)

                                               (Nai e filla. Ano 2001)

   Representa a unha nai galega con tódolos seus atavíos e a unha nena abrazando a esta pola cintura. Foi tallada e deseñada polo escultor lalinense Xosé Luís Ferreiro Diéguez, máis coñecido coma O Vilas, con motivo da xuntanza de canteiros que tivo lugar en Beariz no ano 2001, e patrocinada pola Fundación Terras de Beariz. A pedra procede das canteiras de Vilachán, en Tomiño e o monumento mide algo máis  dun metro de alto. Denota unha enorme sensibilidade por parte do autor que quixo expresar a soidade da muller e da filla do emigrante, que se teñen que apoiar unha á outra e permanecer moi unidas. Quere ser unha homenaxe a estas dúas mulleres tantas veces esquecidas: a muller e a filla do emigrante.

  
                                                        ESCUDO DE BEARIZ
                                                                 (ano 2001)



                                       (Escudo de Beariz. Ano 2001)

   Nun casqueiro de cinco toneladas, dous metros  e medio de alto e un vinte de ancho  por sesenta de grosor, tallou o escultor Antón Xil, natural de Santa María de Bermés o escudo de Beariz sobre un pergamiño antigo   cunha borla a cada lado, como atavíos. Debaixo do escudo, quixo facerlle unha homenaxe ó Beariz emigrante e para iso, debuxou os mapas de Beariz e América sobre dúas rodas dentadas simbolizando a unión destas dúas terras. A obra foi realizada en oito días con motivo da xuntanza dos canteiros en Beariz, no ano 2001, e patrocinado pola Fundación Terras de Beariz. O granito procede das canteiras de Vilachán, en Tomiño.

               


                               IGREXA PARROQUIAL DE SAN SALVADOR DE XIRAZGA

   O Cardeal del Hoyo, no ano 1607, cando se refire á parroquia de San Salvador de Xirazga, di o seguinte: “Hay en esta feligresía cuarenta feligreses. Los fructos todos lleva el rector, que valdrán treinta cargas de pan. Presentación de legos y un tercio del monasterio de Aceveiro. La fábrica tiene de renta dies y seis ferrados de pan. Hay una hermita de Santo Domingo en el monte”.
                                                      (Val de Xirazga)

     O libro de fábrica máis antigo da parroquia de San Salvador de Xirazga data de 1746 e remata no ano 1816. (1)  Era cura desta freguesía, nese intre, D. Carlos da Riva que morreu no ano 1759, data na que podemos ler: “Por la muerte de D. Carlos de Rivas, cura desta feligresía, quedaron por tomar y pasar a este libro de fábrica Barias quentas noticiosas de su Ilma. el señor Arzobispo de Santiago ante el D. Juan Varela Fondevila y Berea, provisor, gobernador y bicario  del dicho Arzobispado. Fr. Plácido Carrera- Cura de Beariz.” (2). Á morte de D. Carlos, quedou como encargado desta parroquia o P. Prior de Beariz, que pertencía á orde do Cister e procedía do mosteiro de Santa María de Acibeiro.

     O actual presbiterio e a bóveda da igrexa de San Salvador de Xirazga débeselle a Antón da Casa, mestre canteiro, natural de Pardesoa, pois consta que o día 12 de xullo do ano 1733, dálles recibos e cartas de pago a Amaro González, a Antón da Riva, ó reitor e demais veciños “…de trescientos reales de vellón, cada uno de treinta y cuatro maravedies que les debían….procedidos de la obra y techo que izo en el coro y capilla mayor de la parroquial iglesia referida de San Salvador de Xirazga en la que abía sido concertada dicha obra por dichos feligreses. (3)
                                    (Igrexa de San Salvador de Xirazga)

   O ano 1748 visita esta igrexa D. Lorenzo Antonio Filgueira y Saavedra, colexial maior e catedrático da Universidade de Santiago, fiscal eclesiástico e visitador xeral do Arcebispo D. Bartolomé Raxoi e Losada. Pediulle ó cura, D. Manuel Cortizo que solucionase o problema que ten os herdeiros de D. Carlos de Rivas, e polo demais di que recoñeceu a igrexa e o altar e estes están decentes, pero o coro ameazaba ruína, e non tiña sancristía. (4).

   A capela de ánimas data de 1751 e foi fundada por D. Cristóbal de Viñas, “y está al lado de la epístola”(5).

   A capela do Carme foi fundada, aínda que na actualidade perdeuse o libro da súa fundación,   no ano 1704 e fundárona “Francisco (ilexible)  y Bartholomé Díaz con pensión de dieziseis misas. Es capellán D. Gregorio Arén y Losada. (6).
   A capela do Rosario “fue fundada por Pedro Diz. Fue su último capellán D. Gregorio Parado”. (7).
                                     (Nave da igrexa de San Salvador de Xirazga)

   Na visita do ano 1778, mando o visitador e provisor que no prazo de seis meses “concurran obreros para que acomodándole sitio para la sacristía y en la parte del atrio que es de la Iglesia dejándolo más capaz y el muro más alto al camino, con sus puertas, siendo de los vecinos los carretos y allanar y fundar las sepulturas”. (8)
   Esta igrexa está lixeiramente orienta de norte a sur. Ten planta de cruz latina cun pequeno saínte a cada lado, ó xeito de capelas, que son as alas do presbiterio. A sancristía vai acaroada ó testeiro da ábsida. Polo setentrión presenta un arco de medio punto rematado en aresta viva e apeado sobre ábacos modulados que forman parte do muro. No interior do arco, ábrese unha porta rectangular cunha pequena tala  na clave do lintel, formado por doelas en liña, que representa unha flor de lis e dous talos cruzados e decorados con follas; as xambas lisas. Sobre o pórtico abre unha fiestra rectangular enmarcada e sobre esta, unha pequena fornela, rematada en cuncha de vieira onde se acubilla o Divino Salvador.

  

                            (Cruceiro de Xirazga de Xosé Cerviño e Torre da igrexa)

   A torre-campanario é de dous corpos. O primeiro, de sección cuadrangular con cornixa modulada, sen balaustrada polo exterior, abre catro arcos de medio punto peraltados en cada unha das caras, onde se acubillan as campás. O segundo corpo, tamén de sección cadrada apea sobre cornixa modulada e abre outros catro arcos máis pequenos de semellante directriz. Remata nun casquete con cruz de pedra no ápice, e pararraios moderno, á beira. A fachada, de perpiaños perfectamente concertados, presenta a cada lado, á altura do arranque da torre, un medallón, debaixo dunha cornixa modulada,  que  fai de tornachoivas polos aleiros. Debemos subliñar aquí que a  primeira torre foi derrubada por un raio no derradeiro cuarto do século XIX e levantouna  o escultor e arquitecto Xosé Cerviño García, autor tamén do cruceiro que hai á entrada do camposanto. Esta torre, foi de novo derrubada por outro raio e ergueuse  novamente na década dos oitenta do século pasado, que é a que luce na actualidade. Fíxose, seguindo as directrices da torre de Cerviño e aproveitando a maioría da súa pedra. Hai no muro, lembrando este feito, un letreiro que di: “Esta torre fue destruída por un rayo el 13 de febrero de 1979 y reconstruída por los vecinos de la parroquia el 26 de septiembre de 1982”.

    Tanto os muros da nave coma  da ábsida e os da sancristía están fabricados en cachotería de lousa, salvo os esquinais, que son de granito, o mesmo co arranque dos muros, que van apeados sobre dúas fileiras de perpiaños perfectamente aliñados.
   A nave polo lado occidental abre dúas fiestras con dobre verteluz, e outra no testeiro do brazo do presbiterio. A sancristía, do mesmo ancho que a nave, vai acaroada ó testeiro da ábsida e está completamente cegada.  O muro oriental, en todo  semellante ó descrito, salvo que por este lado abre ademais unha porta travesa con lintel recto e  xambas de perpiaños.

                                (Cruceiro de Xosé Cerviño en Xirazga e Torre da igrexa)

   É no interior ode mellor se aprecia  a planta de cruz latina que ten esta igrexa. A nave divídese en tres panos separados por un par de arcos de medio punto rematados en aresta viva; van apeados sobre ábacos de planos superpostos e rematados en medallóns colgantes. Os ábacos proxéctanse por todo o paramento e so se rompen nas bóvedas do cruceiro e nas fiestras, estas con verteluces moi pronunciados ó interior. Cúbrese con bóveda de canón fabricada en perpiaños perfectamente concertados e o paramento de cachotería, salvo os esquinais que son de granito a corte. O tramo do cruceiro cúbrese con bóveda de aresta pouco pronunciada e igualmente a ábsida, á que se accede por medio dun arco de triunfo que segue a mesma altura e directriz cos arcos faxóns da nave. Paralelo ó arco de triunfo hai outro semellante que vai acaroado ó testeiro do coro co que se forma a fábrica. Tanto este arco como o de triunfo apean sobre pilastras con ábacos similares ós descritos e ataviados na parte inferior con medallóns. Cúbrese con bóveda de aresta pouco pronunciada. Abre a cada lado sendas fiestras rectangulares con verteluces ó interior. O paramento tamén de cachotería.
   As capelas son de bóveda de canón sen arco de triunfo e apean directamente sobre os riles do paramento. Abren no testeiro cada unha delas unha fiestra rectangular con verteluces ó interior. O piso, de granito. A tribuna de pedra, completamente plana e apeada en dous contrafortes que se proxectan en diagonal dende os muros. Accédese a ela por medio dunha escaleira de caracol e recibe a luz a traveso dunha fiestra de arco de medio punto abucinada  ó interior.

   O retablo é de pedra e componse de tres rúas. Cada unha das laterais leva no medio unha fornela con arco de medio punto rematado en aresta viva e na parte inferior ábrese unha porta rectangular a cada lado, coas xambas lisas que dan acceso á sancristía. Na fornela oriental está a Virxe do Rosario e na occidental, san Roque. A rúa central está formada por un arco de medio punto rematado en aresta viva e vai ataviada na parte alta por unha cornixa modulada de planos superpostos que se imposta ata os ábacos dos arcos do coro. Toda esta estrutura apea sobre dous pares de columnas monolíticas de sección cilíndrica; os capiteis ataviados con círculos con botón central e talos rematados en espiral; as bases de perfil ático cos plintos lisos. A parte superior é completamente lisa e está decorada cun mural. No centro leva a pomba que representa ó Espírito Santo e a cada lado un anxo en ademán de adoración.

                       (Pía bautismal de época medieval de San Salvador de Xirazga)

   A sancristía forma un corpo co resto da edificación. Cúbrese con bóveda de aresta e abre a cada lado unha fiestra rectangular con verteluces ó interior; o testeiro completamente cegado. Todo o paramento, igual co resto da edificación é de cachotería de lousa, perfectamente cortada.
  
(1)   Libro de Fábrica. Parroquia de San Salvador de Xirazga 1746-1816.
(2)   Libro de Fábrica, p. de Xirazga. 1746.
(3)  Prot. Luis Fernández de Rivas, fol. 21 Nº 1784. A. H. de Po.
(4)  Libro de Fábrica, fol. 70.
(5)  Libro de Fábrica, fol. 70.
(6)  Libro de Fábrica, fol 70v.
(7)  Libro de Fábrica. fol 71.
(8)  Libro de Fábrica, fol 89 vº.


                                 CAPELA DE NOSA SEÑORA DO CARME DE DOADE


       Na visita que fixo á parroquia de S. Salvador de Xirazga, o día primeiro de agosto do ano 1778 o Ilmo. señor. D. Xoán Vara  Fondevila, visitador do Arcebispo D. Francisco Alexandre Bocanera y Guinaga,  di o seguinte, ó referirse á capela de Nosa Señora do Carme de Doade: “Esta se halla en el sitio de la feria que llaman Doade, fe. de la Parroquia. Es de los vecinos sin renta ni patronato alguno; solo se celebra en ella Cofa. el día de la adicación. La asiste el diestro y suministra de lo necesario. Solo necesita dorar el cáliz y patena y aderezar el techo, asegurar el balaustrado, poniendo la puerta segura con su cerradura. Blanquearla por adentro y calear por fuera todo lo que dispondrá el cura se egecute a costa de los efectos de la Cofradía y limosnas y lo que queda a ella queda dispuesto en el comportamiento de Cuentas de este auto”. (1).

                  (Capela de Nosa Señora do Carme de Doade)

       Na visita que fai no ano 1785 o visitador D. Sebastián Malvar y Pinto, tamén á parroquia de Xirazga, sendo cura desta D. Antonio Sieyro, di ó referirse á capela do Carme: “…se  halla decente y se han hecho los arreglos mandados en la anterior visita y S. I. manda al cura cuide de lo que le entre siempre”. (2).

      Non atopamos nos libros a data da súa construción pero polas referencias que temos nos libros parroquiais podemos encadrala a mediados do século XVII e non antes porque a comezos de ese século o Cardeal del Hoyo, cando visita a parroquia de Xirazga, non fai mención desta capela, e si da de Santo Domingo,  que di, referíndose a ela:  “hai una hermita de Santo Domingo en un monte”.(3).

      Está situada, esta capela, na carballeira centenaria  de Doade, á beira da estrada que comunica Beariz con Ponte Caldelas. Trátase dunha pequena igrexa cunha soa nave de planta rectangular e presbiterio cadrado, lixeiramente máis ancho ca nave, á que se une directamente. A fachada occidental apea sobre un pequeno ribanco. Está fabricada en granito concertado e os esquinais que sobresaen tres centímetros, enmarcan todo o paramento. Abre, na fachada occidental, unha porta rectangular con lintel de sete pezas colocadas ó xeito de cuñas. Polos laterais leva unha cornixa en cimacio de cuarto de círculo á cada lado e remata nas esquinas con pendóns con bólas e planos superpostos. A espadana leva orelleiras na base e cimacio con remate de bólas na parte superior.  Abre no centro, un arco de medio punto moi peraltado onde acubilla unha campá, e sobre este, como remate, un triángulo con bóla e cruz de ferro con “irradiacións” no ápice.

   A cornixa da nave, igual ca do presbiterio van en cimacio. O resto do paramento, tanto da nave coma do presbiterio son de cachotería.

   A nave abre polo muro norte unha fiestra con dobre verteluz e polo lado sur outra similar con porta travesa simple.

   O presbiterio, como xa se dixo, de planta cuadrangular, abre dúas fiestras abucinadas a cada lado e unha pequena  no testeiro. Está fabricado con cachotería, salvo os esquinais, que son de granito concertado.

   No interior, a nave divídese en catro panos separados por tres arcos faxóns apuntados e rematados en aresta viva. Ambos apean sobre ábacos de chafrán e van montados sobre pilastras rectas da mesma anchura cos arcos. O arco de triunfo é da mesma altura e traxectoria cos do resto da nave. Tanto as pilastras como os ábacos son tamén similares ós descritos, salvo que levan no frontal unha pequena decoración de tres cadradiños. O presbiterio a cada lado abre unha fiestra con dobre verteluz. Tanto este como a nave, cúbrense con bóveda apuntada completamente encalada, igual cos muros. Só están á vista os arcos, os ábacos, as pilastras e os encadres das fiestras. O piso, de baldosa moderna. O testeiro está tapado por un pequeno retablo de madeira e a cada lado leva unha porta que dá acceso á sancristía, esta tamén se cubre con bóveda apuntada e aplanada; os muros igualmente aplanados.

(1). Libro de Fábrica. Parroquia de S. Salvador de Xirazga, 1746-1816., fol. 90vº.
(2). L. de Fábrica, fol. 90vº e seguintes.
(3). Gerónimo del Hoyo. Memorias del Arzobispado de Santiago, pax. 497.



CAPELA DE SANTO DOMINGO
(Xirazga)
(1797-1802-1857)

   A capela de Santo Domingo (como así é coñecida nesta terra), está chantada no medio da carballeira do mesmo nome, actualmente dividida por unha estrada con asfalto, que comunica Doade con Presqueiras e a Portela da Cruz, xustamente no derradeiro ou primeiro monte, segundo se mire, da Serra do Suído, entre o Coto do Covelo (890 ms.) e o Outeiro Grande (848 ms.) Na parte suroccidental da carballeira áchase unha enorme mámoa, profanada con anterioridade e tratada de recuperar e restaurar recentemente.

                                  (Capela de Santo Domingo. Xirazga)

   As primeiras novas que temos dunha capela neste lugar datan do ano 1607, e débenselle ó cardeal Gerónimo del Hoyo, onde relata que “…en la parroquia de San Salvador de Girasga hai una hermita de Santo Domingo en un monte”. (1)

   Posiblemente nada queda da construcción da que nos da conta o cardeal del Hoyo, porque no ano 1797 dan comezo as obras de reedificación da capela actual, que durarán, as da primeira fase, ata o ano 1802, para rematar definitivamente  no  ano 1857.

    A edificación é de estilo barroco popular. Abre na fachada occidental  unha porta rectangular coas xambas rectas e orelleiras. Sobre esta, unha fornela que acubilla unha imaxe de San Domingos, labrada en pedra. Todo o paramento está enmarcado entre dúas pilastras rematadas en pendóns con bólas e unha imposta en cimacio como tornachoivas na parte superior dos muros e no fronte leva dúas ménsulas con tacos.

   No centro érguese a torre de planta cadrada con dous corpos. O primeiro presenta catro arcos de medio punto moi peraltados, onde no frontal se acubilla unha pequena campá; os demais baleiros. O segundo corpo, de base octogonal abre tamén catro arcos de medio punto e remata nun pequeno casquete coroado por un pendón cunha cruz de ferro no ápice. Únese á fachada por medio dunha  cortina que vai colga da parte superior. Toda esta edificación é de granito concertado de gran moi groso.





   Os muros da nave, fabricados en perpiaños de lousa, primorosamente picada, abre unha fiestra rectangular a cada lado, enmarcadas en granito. No muro sur hai unha porta travesa cegada e polo lado norte, que leva acaroada unha construción moderna, de fábrica escandalosamente fea, serve como casa de obra, venda de cera e outros pormenores.

   A ábsida rectangular, lixeiramente máis ancha ca nave, únese a esta directamente e leva no testeiro, de construción máis baixa, a sancristía, que nos lembra a igrexa de Cerdedo, lugar de procedencia, como veremos máis adiante, de varios mestres desta obra. Abre a ambos lados, sendas fiestras que iluminan o interior do presbiterio e presenta un par de grosos contrafortes que arrancan dende o chan, moi anchos para rematar en diminución. A cornixa é de granito con moldura en cimacio. A sancristía polo lado sur abre unha porta e no lintel leva unha inscrición: AÑO D 1821, cos números enmarcados.

   No interior, a capela presenta planta de cruz latina con catro tramos e cos brazos recortados. Os dous primeiros tramos corresponden á nave, onde no máis occidental vai a tribuna;  no terceiro vai o cruceiro e no cuarto o presbiterio. Accédese a este por medio dun arco de triunfo, rematado en aresta viva. Paralelo a este hai outro arco faxón da mesma directriz, arrimado ó muro do testeiro. Ambos apean sobre pilastras cos ábacos en cimacio e estas, sobre ribancos, todos  rematados en aresta viva. Ós dous lados do testeiro ábrense sendas portas que dan acceso á sancristía, e este presenta no resto do paramento, un retablo de pedra policromado de dous corpos, separados por unha imposta de tacos e un friso ataviado con elementos vexetais.

    Cada corpo componse de tres panos. O pano central do inferior, consta de dous pares de columnas monolíticas cilíndricas, capiteis xónicos e bases de perfil ático que sustentan un templete, ó xeito de fornela na que descansa o Santo Patrón. Os panos laterais levan sendas peañas ataviadas na parte superior con cunchas. O pano central do corpo superior leva tamén un templete sostido por un par de columniñas monolíticas cilíndricas con capiteis tamén xónicos que enmarcan unha fornela. A ambos lados do ápice, dous anxos mutilados.


    A actual obra, salvo pequenos arranxos e algún engadido (por certo desastroso), deron comezo no ano 1797, como xa se dixo anteriormente, sendo mordomo Xoán Cendón, veciño de Alén, que adiantou 800 reais de vellón que llos devolveu a Irmandade no ano 1799. (2)

   A obra que se fixo entre os anos 1797-98  tivo un custe de 5798 reais de vellón. (3). Nos anos 1798-99 pagáronse 438 reais en  xornais a canteiros e carpinteiros e 200 en cal.Nos anos posteriores fanse pequenos arranxos ata o ano 1822 no que se da comezo á edificación da nave e párase no ano 1827 para empezar de novo no ano 1844. A bóveda remátase en 1850. No ano 1851 fabrícanse as portas e no ano 1854 páganselle ó mestre Ovelleiro 95 reais polos planos da torre que se fabrica no ano 1856 e páganselle ós canteiros 200 reais e 12 ó ferreiro  polas pechaduras da sancristía e os ferros para soster  ó santo. No ano 1858 repárase o lousado da capela e no ano 1859 fabrícase a campá e píntase a imaxe de Santo Domingo, polos que se pagan 600 reais. (4)

   No medio século longo que dura a construción desta obra traballaron un total  de 129 artesáns. Deles, 111 eran canteiros, 7 ferreiros, 6 mestres de obra e 5 carpinteiros. (5)

   Polos libros de fábrica podemos saber os días que traballaron na obra ata 1827 entre os que podemos destacar a Antonio Cortizo con 12 anos e Xoán Gil con 11 anos. Nalgúns casos sabemos tamén o lugar de orixe destes mestres como é o caso de Xosé Nieto, (fillo do mestre cerdedense do mesmo nome, que realizou parte de igrexa de San Xoán de Cerdedo) que dirixiu esta obra entre os anos 1810-1813, e ó que se lle pagaron 400 reais de vellón polo segundo corpo do retablo. O mestre Antonio Cerviño, natural da parroquia de Santa María de Augasantas cobrou no ano 1844, 2700 reais de vellón polos seus traballos. O mestre Francisco Calviño, no ano 1815 cobrou 820 reais.  O mestre Manuel Raxoi que dirixe as obras entre os anos 1815-17 e 1820- 22. Manuel Portela, dirixiu as obras entre os anos 1822-26. Finalmente, o mestre Ovelleiro no ano 1855, como xa se dixo anteriormente, cobrou polos planos da torre 95 reais de vellón. (6)


   N.B.  A táboa completa de artistas e artesáns que traballaron na igrexa parroquial de San Salvador de Xirazga e na capela de San Domingos, ata 1860, están publicados no libro : “Ermita y Romería de Santo Domingo de Xirazga, una Devoción Mendicante en un Medio Rural entre Dos Mundos” de D. Enrique Bande e Carlos Tain. Paxs. 126 á 133, editado polo Concello de Beariz. 1994.


(1)   Gerónimo del Hoyo. Memorias del Arzobispado de Santiago.  pax. 497. (1598-1607)
(2)   A.H. D. de O. Parroquia de S. Salvador de Xirazga, Sig. 3.10.15. fol 2 v.
(3)   Bande R. E. Ermita y Romería de Santo Domingo. Edi. C. de Beariz, paxs. 58-59.
(4)   A.H.D. de O. Parroquia de S. Salvador de Xirazga. Sig. 3.10.15 dos fols. 8v ata 39 v. e 3.10.16 en diante.
(5)   Bande R. E. O.C. px. 65.
(6)   A.H.D. de O. Parroquia de S. Salvador de Xirazga. Sign. 3.10.15, Bloque B fl. 2-7v.




                                                        PONTE   PIÑEIROS

   Tamén é coñecida como a “Ponte das Coireiras”. É esta, unha ponte de dous arcos de medio punto superpostos, para poder salvar neste lugar a enorme profundidade do río ó que Vicente Risco e Otero Pedraio lle conceden o título de Avia. A fábrica é de granito concertado e ambos arcos están rematados en aresta viva.

   Na actualidade está en vía morta, xa que se fixo outra ponte moderna pola que pasa a estrada OU 213 que une a Ermida con San Cristovo. Foi construído case exclusivamente por canteiros de Magros (1) entre os anos 1921 e 1923, data na que se inaugurou. (Para ver os canteiros que traballaron nesta ponte convén consultar a Revista “O Quince”. 2004.

(1) Gulías Lamas, X. Revista cultural “O Quince”, 2004. paxs. 4-17.






































                                           MONUMENTO  Ó  CANTEIRO
                                                               (2004)  

   É unha peza de granito, procedente das canteiras de Vilachán, que representa a figura dun canteiro pensativo -a tamaño natural- co pico apoiado sobre a peza que traballa e a mirada perdida na distancia, como emerxendo da mesma pedra. Foi tallado polo eminente escultor Maxín Picallo Durán, á sombra das árbores da antiga reitoral do priorado de Santa María de Beariz de Montes, nos primeiros dez días do mes de agosto de 2004. Esta obra foi promovida pola Asociación de Amigos da Terra de Montes, sendo presidente Xesús A. Gulías e patrocinada polo Concello de Beariz, sendo alcalde D. Manuel Prado.

   Quere ser unha homenaxe a tódolos canteiros desta terra.
   






















                              
                                  MONUMENTO Á LAVANDEIRA  DO  METÁL
                                                                 (2004)

   Con este monumento quíxoselle render unha pequena homenaxe ós centos e milleiros de mulleres, que de xeonllos, lavaron todo o estaño e wolfran, que saíron das minas de Beariz de Montes. Porque foron elas, e só elas, as que fixeron esta inxente tarefa.


   Trátase pois, dunha muller axeonllada, á tamaño natural, realizada en granito de Vilachán por Maxín Picallo Asensio, quen  tallou esta figura  na finca da reitoral do Priorado de Santa María de Beariz de Montes, nos primeiros dez días do mes de agosto de 2004. Foi promovida a obra, pola Asociación de Amigos da Terra de Montes, sendo presidente Xesús Gulías Lamas e patrocinada polo concello de Beariz, sendo alcalde D. Manuel Prado.
   





























                                                     MONUMENTO Ó MINEIRO
                                                                                  

   Quere ser este monumento unha homenaxe a tódolos mineiros, que dende a época dos romanos furaron os montes de Beariz, e sobre todo o Marcofán, á procura do estaño e do wolfran. Foi tallado polo escultor Alfonso Torres Domínguez na finca da antiga reitoral do Priorado de Santa María de Beariz de Montes durante primeiros dez días do mes de agosto de 2004, nun bloque de granito procedente das canteiras de Vilachán. Foi promovida a obra pola Asociación de Amigos da Terra de Montes, sendo o seu presidente Xesús A. Gulías e patrocinado polo Concello de Beariz, presidido polo alcalde D. Manuel Prado.
   




 MONUMENTO Ó LABREGO
(2004)

     Este monumento foi realizado por Roberto Vidal Rascado, na finca da Reitoral do Priorado de Santa María de Beariz de Montes, durante os primeiros dez días do mes de agosto de 2004. Foi promovido pola Asociación de Amigos da Terra de Montes, sendo o seu presidente Xesús A. Gulías e patrocinado polo concello de Beariz, sendo alcalde D. Manuel Prado. Trátase dunha figura de granito, procedente das canteiras de Vilachán, que representa a un labrego, apoiado no sacho e cuberto cun traxe de augas.
   




                                                      FONTE  ORNAMENTAL
                                                                     (2004)

    Trátase dunha fermosa fonte ornamental de tres corpos con caída continua de auga, ó xeito das fontes monacais colocadas nos patios dos claustros. Tallárona os escultores Miguel Torres Rei  e X. Luís Fariñas Ribas, durante os primeiros dez días do mes de agosto de 2004, na finca da reitoral de Priorado de Santa María de Beariz de Montes. A obra foi promovida pola Asociación de Amigos da Terra de Montes, sendo o seu presidente Xesús A. Gulías e patrocinouna o concello de Beariz, sendo  alcalde D. Manuel Prado.
  


MONUMENTO Ó VERBO DOS CANTEIROS
(2004)


    Quere ser este pergamiño de nove toneladas de peso, un monumento e unha homenaxe ó verbo dos canteiros, que compartiu nesta terra, xuntamente co galego, lugar e morada, expresión e convivencia, tradición e dicción, expresión e misterio, na vida e no divagar dos canteiros polo mundo. O monumento foi tallado polo escultor Antón Xil e Xil, na Finca do Priorado de Santa María de Beariz, nos primeiros dez días do mes de agosto do ano 2004 e lava escrito uns versos de Xesús Gulías, no Verbo dos canteiros que din  así:


                                                       Arginas de Montes
                                                        jarlantes do verbo,
                                                dende a Galleira, prá vobis
                                                      o eternemes baidó,
                                                        porque llastistes
                                          polo deundo todeito mougreando
                                   cos escurios, cos ferronchos e as calmotas
                                       para mariñar coas árrias mosto xidas
                                             xarúas de baltra que axorufan
                                                   as zibas onde morian
                                                  os zoinas e os humáns,
                                              as giches e dangles queicas,
                                               nas que todeita a terrageira
                                                lle quiria ó nobis Queicó.

 O granito procede das canteiras de Vilachán. A obra foi promovida pola Asociación de Amigos da Terra de Montes, sendo presidente Xesús A. Gulías e patrocinada polo concello de Beariz, sendo alcalde, D. Manuel Prado López.
  





















                                                          
                                                         MONOLITO Ó PILOTO
                                                                       (2004)


   Este monolito, procedente das canteiras da Saleta e quere ser unha eterna homenaxe (por iso é de pedra) a un dos homes que dou a súa vida por apagar un lume, que tentaba devorar o verdor desta terra. Para el, o noso agradecemento, o noso recoñecemento e a nosa eterna débeda.

   Trátase dunha pedra natural que leva encaixada unha placa, e nela, uns versos de Rosalía, que nos lembran ós bearicenses que o coñecemos a pregunta de por que sucedeu esta traxedia. Foi promovido este monolito pola Asociación de Amigos da Terra de Montes, sendo presidente Xesús Gulías e patrocinado polo Concello de Beariz, sendo alcalde D. Manuel Prado. Realizouse en Agostos de 2004 na finca da antiga reitoral do Priorado de Santa María de Beariz de Montes. Está colocado na Goberna, á beira do campo de tiro.
  




                                      




CAPELA DE SAN BARTOLOMEU DA BOUZA



   A primeira documentación escrita que temos desta capela, dánola o cardeal Gerónimo de Hoyo, visitador do arcebispo compostelán D. Maximiliano de Austria, no libro de “Memorias del Arzobispado de Santiago” do ano 1607, onde di, ó referirse á parroquia de Santa María de Beariz de Montes: “…Hay dos hermitas, una de San Pedro y otra de San Bartolomé”.(1) O resto da documentación está  nos libros de fábrica da Igrexa parroquial de Santa María de Beariz de Montes que se corresponde entre os anos 1720 e 1831. Toda a documentación anterior,   pereceu nun incendio que asolou a sede do priorado de Beariz. Así pois, no ano 1768, o visitador D. Antonio Folguera y Saavedra, enviado do Ilmo. Sr. D. Bartolomé de Raga, arcebispo  e señor da metropolitana igrexa de Santiago di que “…esta capilla de San Bartolomé está situada en los términos de esta parroquia (Beariz) y fue fundada en el año 1746 por Santiago Cortizo y Lorenzo Ogando con la pensión de 76 misas anuales….es su actual capellán Don Manuel Cortizo, presbítero de esta vecindad…está deteriorada de paredes, puertas y otras cosas y sin campana… mando que se adorne y reedifique con decencia para poder celebrar misa en ella”. (2) Hai unha nota máis adiante que di que Don Manuel Cortizo “se ha matado siempre por poner campana y otras cosas en la capilla de San Bartolomé, la cual mandó poner el visitador  por despacho del Provisor”. (3)


    Na visita que lle fai no ano 1778 o Ilmo. Sr. D. Xoán Vara Fondevila, bispo de Tanes, auxiliar do Ilmo. Sr. Don Francisco Alexandro Bocanegra y Ginaga, arcebispo e señor de Santiago, di que “la ermita de San Bartolomé se haya en los términos de esta parroquia, es de los vecinos  y se celebra en ella la cofradía del mismo santo…en cuya ermita Santiago Cortizo y Lorenzo Ogando fundaron una capellanía con la viva obligación de rezar seis misas y tener la ermita decente…” (5) No ano 1785 visita esta capela e a irmandade de San Bartolomeu o Ilmo. Sr. Frei Sebastián Malvar y Pando, arcebispo e señor da santa apostólica e metropolitana igrexa de Santiago que di: “…hállase fundada en ella una capellanía con la propia advocación y tiene una pensión de seis misas rezadas”. Era nesa data o capelán D. Benito Cortizo, quen tiña a obriga de “la decencia y adorno de la capilla”. Nesta data aínda non tiña campá, pois o visitador manda poñer “una campanilla para convocar con ella a los vecinos a rezar el rosario”.

   A actual capela ten a fachada occidental completamente lisa. Abre no centro unha porta rectangular con lintel e xambas lisas. Sobre esta, e sen función algunha, e completamente repicado, leva un arco de medio punto que apea nun par de impostas proxectadas no paramento. A ambos lados, un pendón piramidal, rematado en bola e no centro unha pequena espadana con arquiño de medio punto e cubrición a dúas augas, onde se acubilla unha pequena campá.  A media altura da porta occidental leva unha data que ben puidera pertencer a un  dos arranxos: 1808. Tódolos muros exteriores están completamente aplanados. Polo lado sur abre dúas pequenas fiestras con dobre verteluz e un mínimo bufardo á altura da tribuna. O resto, completamente cegado.

   No interior, o paramento está tamén completamente aplanado coa cubrición de madeira e esta, bastante deteriorada. O retablo é moi sinxelo e tenta imitar, aínda que pobremente, ó gótico tardío e divídese en dous corpos. O inferior ten tres carrís; no central está San Bartolomeu, no lateral norte, Santo Outel e no lateral sur, San Roque. O caixón central do corpo superior está ocupado por outro San Bartolomeu e nos laterais leva un par de cabezas de anxos pintadas. Ademais destes santos, hai varios, case todos, de pequeno tamaño colocados onde hai algún espazo libre, tanto sobre o altar, como acaroados ó retablo. A tribuna é de madeira. Accédese a ela  por medio de catro escaleiras de pedra no arranque e as restantes tamén de madeira.

   O elemento máis importante que atopamos no interior desta capela e que é sen dúbida unha xoia da Terra de Montes é unha Virxe María, coñecida como a “Virxe de Belén”. Representa unha imaxe de Nosa Señora policromada, realizada en pedra, posiblemente pertencente ó románico tardío xa que por algúns detalles, como poden ser as varandas da cadeira, levaríanos a pensar que é dos comezos do gótico, polo que a poderiamos encadrar entre os séculos XIII e XIV, o que faría desta peza, a efixie relixiosa máis antiga que se conserva no Concello de Beariz. A imaxe ten oitenta centímetros de altura e representa a Nosa Señora na súa advocación de Nai de Deus cunha coroa na cabeza, como raíña da creación,  en ademán sedente. Leva o Neno Xesús sobre as súas pernas, ó que sostén coa man esquerda mentres que coa dereita mostra unha froita que ben puidera representar o novo símbolo da comida de salvación. O Neno sostén coa man esquerda que presenta sobre o seu peito, un pequeno pergamiño, como símbolo da lei. Tanto o rostro da Virxe como o do Neno son dunha  inmensa dozura que entenrece o corazón.
  

  
(1) Gerónimo del Hoyo. Memorias de las Iglesias del Arzobispado de Santiago. Paxs. 496-497.
(2) Arquivo Histórico Diocesano de Ourense. Parroquia de Santa María de Beariz. Libro de Fábrica 1720-1831. fol. 96 V.
(3) O. C. fol. 96 V.
(1)   O. C. fol. 118 V.



















PONTE INÉS

   Está sobre o río de Magros, na estrada que une Beariz con Brués.

    Trátase dunha ponte dun enorme arco de medio punto rematado en aresta viva que arranca do mesmo leito do río. Está fabricado en granito concertado e foi construído entre os anos 1923-1925, por canteiros case exclusivamente de Magros. Ten un alzado de 9 mts. sobre o nivel das augas do río.










































CAPELA DE SAN XOÁN DE MAGROS

   A capela de San Xoán está situada na ladeira norocidental da derradeira escaleira do Coto de Marcofán, no lugar de Magros, sobre un pequeno rechán, que lle fai de adro, sobre o que se divisa tanto o val deste lugar coma o seu Castro inexpugnable e milenario. Non sabemos a data da súa construción pero si sabemos que é posterior ó ano 1607 porque non fala dela o Cardeal  Del Hoyo visitador do Arcebispo de Santiago, cando se refire á parroquia de Beariz, e si o fai das de San Pedro e San Bartolomeu.

    Ten planta rectangular e está fabricada en granito concertado. A fachada occidental abre unha porta rectangular con lintel recto, xambas lisas e leva en cada  esquina un pendón piramidal; sobre a porta, vai unha fornela cunha bovediña de forno que acubilla un santo pintado de xeito rudimentario (parece San Antonio) e unha inscrición que se corresponde a unha das reformas: 1942. (Aínda que non podo aseguralo, teño a impresión de que hai uns trinta anos, había neste lugar unha imaxe de San Xoán). Remata a fachada nunha espadana de arco de medio punto peraltado, que acubilla unha pequena campá cun curto pendón a cada lado e no ápice unha cruz rematada en puntas de frecha. Tanto o muro sur coma o testeiro están completamente cegados mentres que o setentrional abre unha fiestra rectangular con dobre verteluz. Leva cubrición de tella plana a dúas augas e o aleiro remata  nunha fileira de lousa sobre unha cornixa de peito de pomba.


   No interior os muros están aplanados e levan cubrición de madeira.  O retablo é de estilo neoclásico popular galego, de dous corpos. No pano central da parte baixa vai unha fornela coa imaxe de San Xoán;   do lado norte a Virxe do Carme e do lado sur San Pancracio. A ambos lados do altar unha imaxe da Guadalupana (que se repite) e unha da Inmaculada. Sobre a Virxe do Carme, na parte alta vai un anxote.

   No ano 1778 visitou esta capela de Magros o Ilmo. Sr. D. Francisco Sebastián Malvar y Pando, arcebispo e señor da Santa Apostólica e Metropolitana igrexa de Santiago e di “…que hay una ermita de San Juán en el distrito de esta iglesia parroquial…es de los vecinos, sin patronato ni patrono; se celebra en ella la cofradía del santo para lo que se traen los ornamentos y todo lo demás necesario de la iglesia”. Manda “que a cuenta de los efectos de la dicha cofradía se haga una caja nueva con la efijie del santo pintado, un nuevo frontal …y se calee por dentro y por fuera”. (1)

(1) Arquivo Histórico Diocesano de Ourense. Parroquia de Santa María de Beariz. Libro de Fábrica 1720-1831. fol 119.






                             IGREXA PARROQUIAL DE SANTA CRUZ DE LEBOZÁN

   Di o Cardeal del Hoyo, autor das Memorias del Arzobispado de Santiago o seguinte cando se refire á parroquia de Santa Cruz de Lebozán: “Hai en esta feligresía treinta feligreses. Los fructos todos al rector, que valen treinta cargas de pan. Presentación del comendador de Paços de Arenteiro en sus meses. La fábrica tiene de renta solamente una taxada de a diez (¿) Hay una hermita de San Pedro Casofez, questá dentro desta feligresía, donde viven trece feligreses, vasayos de la dignidad arzobispal y caseros del cabildo de Orense”. (Estase a referir ó lugar da Ermida) (1)

   Trátase dunha igrexa dunha soa nave de planta de cruz latina cos brazos pouco pronunciados. Na actualidade ten tódolos seus muros completamente encalados, salvo os encadres das portas e fiestras que son de granito concertado.

A espadana, fabricada tamén en granito, é de estilo neoclásico galego e pertence ó século XVIII. A campá sur ten unha lenda que di: “Jesús, María y José. Fui fabricada por Melchor Ocampo en Arcos de la Condesa en 1912”. A do norte foi fundida por J. Liste, en Orazo no ano 1903 e ten outra lenda arredor, similar á da súa compañeira que di: “Jesús María y José”.


   A nave no interior divídese en catro tramos separados por tres arcos de medio punto rematados en aresta viva; apean sobre ábacos modulados e estes van montados en pilastras de sección cadrada do mesmo grosor cos arcos.  Nótase perfectamente dende aquí  a súa planta de cruz latina, xa que  no tramo cuarto, que corresponde ó cruceiro, abre a cada lado unha pequena capela. Accédese a elas por medio de ambos arcos de triunfo de traxectoria semicircular e lixeiramente rebaixados. Ambos apean sobre ábacos modulados que van montados sobre pilastras rectas, similares ás dos arcos faxóns. Os ábacos destes arcos únense por medio dunha  imposta ós do arco de triunfo da capela maior. Estes son da mesma traxectoria cos da nave, salvo que están lixeiramente rebaixados e as pilastras son similares ás descritas. No frontal do terceiro arco da nave leva un letreiro que di: NBRE 1929, data que se  corresponde coa remodelación. O segundo e o terceiro tramo da nave abren unhas pequenas capelas con pouca profundidade nos muros, ataviadas con arcos semicirculares.

    Os muros están completamente aplanados e os dous primeiros tramos da nave cúbrense con bóveda de canón aplanada e postiza; o terceiro e o cuarto, o mesmo co presbiterio, levan cubrición de madeira a dúas augas.

   As capelas laterais abren no testeiro unha pequena fiestra rectangular con dobre verteluz.

   A ábsida leva acaroada a cada lado unha sancristía e abre tamén por esa banda unha pequena fiestra con dobre verteluz. O piso é de baldosa moderna o mesmo ca tribuna.
   Como sucede nos muros exteriores, todo o paramento está aplanado salvo os arcos, as pilastras e os encadres das fiestras. A pía bautismal está situada na entrada, á man esquerda.

   A fábrica desta igrexa é de granito e lousa nun perfecto combinado.

1. Gerónimo del Hoyo. Memorias del Arzobispado de Santiago. Pax. 496.





                                           CAPELA DA ERMIDA

   Cando no ano 1607, o cardeal del Hoyo escribía sobre a parroquia de Lebozán, entre outras cousas, di o seguinte: “Hay una hermita de San Pedro de Casofez, questá dentro desta feligresía, donde viven trece feligreses vasallos de la dignidad arçobispal y caseros del cabildo de Orense”, (1) estábase a referir a actual capela da Ermida. Este feito confírmase tamén, século e medio máis tarde, no ano 1752, cando se realizou na parroquia de Lebozán o Catastro de Ensenada, pois referíndose ó pago da “lutuosa” di: “Pagan los vecinos del lugar de la Hermida de esta feligresía de Lebozán, por razón de lutuosas, en cada un año ciento y diez Reales vellón, cuia cantidad percibe el Cabildo de la Ciudad de Orense” (2)  E referíndose ó “boto” di o Catastro: “Pagan cada uno de los vecinos cavezas de casas, cuatro cuncas de centeno a la mesa capitular de la ciudad de Santiago que Ymportan cada un año treinta ferrados de zenteno y recomponen ciento y cinco reales”. (3)


   Trátase dunha pequena capela de estilo popular coa fachada e os muros totalmente aplanados, salvo os esquinais que son de granito e permanecen á vista. Sobre estes, a fachada occidental leva un pendón piramidal para rematar cunha cornixa modulada ó xeito de tornachoivas. A espadana abre dous arcos de medio punto moi peraltados que acubillan outras tantas campás e vai coroada por outro arco rematado nun pendón cunha cruz de ferro no ápice.

   No interior os muros tamén están aplanados e leva unha sancristía no testeiro con acceso dende o presbiterio. Hai que destacar nesta capela unha imaxe de Santa Lucía, recentemente pintada. A talla de estilo popular, podémola datar entre os séculos XIV e XV. É unha das imaxes máis valiosas e antigas, realizadas en madeira, que hai no concello de Beariz de Montes.

(1) J. Del Hoyo, Memorias de las Iglesias del Arzobispado de Santiago, pax. 496. (fol 464, r.)
(2) Gulías Lamas, X. Evolución socioeconómica das parroquias de Lebozán, Beariz e Xirazga, 1752. páx. 44.
(3) Gulías Lamas, X. O.C. páx. 45.














                                                   PONTE DE RICOBANCA
                                                            (S. XII-XIII)


   Trátase dunha ponte medieval refeita sobre a que foi unha ponte romana que formou parte dunha calzada que unía o sur de Galicia con Santiago, por Cerdedo. Na actualidade esta ponte conserva pouco da que foi a orixinaria aínda que se poden apreciar varios tramos da calzada.

   Esta ponte está sobre o río Verdugo. Mide catorce metros de largo por un con oitenta de ancho. Está formada por tres pilastras rematadas de xeito rudimentario sobre todo na parte occidental, pero de enorme consistencia, que forman os catro ollos polos que desauga o río. Estas teñan unha anchura aproximada de un metro con vinte e van unidas con grandes chantóns de granito que son os que fan de piso da ponte. As varandas son de perpiaños  irregulares de uns cincuenta centímetros por vinte de espesor. As dúas pilastras centrais parecen de orixe, a lo menos na parte oriental, con entrada triangular para facer máis doado o paso das augas.

   Está situada no lugar de Ricobanca, concello de Beariz, parroquia de Santa Ana de Barcia de Xeixo (A Lama), arciprestado de Montes e Arquidiocese de Santiago.
  




                                                          


























CARTA DE PAGO DA IGREXA DE BEARIZ

   Carta de pago de Gr. Vazquez que le dio Domingo de Castro, Carpintero.

   En el lugar de Beariz, fra. de Santa María de Viariz.

    A siete días del mes de septiembre del año mil y seiscientos y beynte y cinco asso. ante mi escribano y testigos. Paresció Presente Domingo de Castro, Carpintero. Vecino de San Martiño de Cameixa, y dixo que sse dará Por Pago contento y satisfecho. a toda su boluntad de Gro. bazquez, fabriquero de la dicha fra. de Viariz de cinqª. y queatro ducssº que el ssobredicho Le dio y Pagó Para En Parte de Pago de las Ovras y altar de la dicha Yglesia de Viariz. En que Sesta entendiendo. Los quales dichos cincuenta y qtro. dussº son En dinero ademas de la dicha baxa que queda de fuera que el sobredicho hizo Para la obra de la dicha Yglesia. que le tengo de pagar. Los quales dichos mrvs. Recibi de ssu propia mano. Antes de agora y Por dicha Paga y recibo no Pareza Ante mi scribaº. y ttº. Renunció. Salud da y numerosa pecunia, prueba y Pago. Y las mas deste casso.

   Y se obligo con su p.(persona) y bienes de no pedir Los dichos cincuenta y quatro Ducados. a Xilgorio bazquez maestro de la obra. El ni otra Persona En su nombre agora ni en ningun otro. so Penas si lo hiziere o tentara azer que ni razon de lo nunca oydo ni admitido En Juicio ni fuera del Y deba pagar Las costas y Para Lo cumplir doy  yo y Tengo todo su poder Cumplido A las justicias seglares de su fuero y para que se lo agan cumplir y aver de Resarcirme como Persistencia definitiba de Juez competente pasada En cosa Juzgada y acerca del qual Ramiro Lamas Loys da su favor y la obligación y su remedio y otorgará esta carta de Pago en forma. ante mi escribano y ttss.

Y Por no saver  firmar Rogo a uno de los Presentes La Firmen para el de susodicho.
Estan Presentes por Testigos Domingo de Ogando. Rubrica y Firma. Por de Par del escribano y Domingo de Muradas Y Fran. de Ogando de la dicha fabrica de biariz Y Yo escribano doi fe. Conozco a los Testigos. (1)

(Seguen as firmas)


1  Protocolo de Alonso de Ogando. Caixón Nº1712. Lb. 3. Fols. 157-157 V. Ano 1625.
    Arquivo Histórico de Pontevedra.

N.B.: Este documento está copiado “ad pedem literae”.








































VIACRUCIS PARROQUIAL DE LEBOZÁN

(Século XVIII)

    Do que foi un antigo viacrucis, que había arredor do adro da igrexa parroquial de  Santa Cruz de Lebozán, só queda unha cruz situada na parte surocidental do muro que rodea o recinto.


   A cruz, de sección cadrada no arranque, leva as arestas biseladas e remata en puntas de diamante con botón central. Vai montada sobre unha base piramidal truncada.



A MESA DOS BISPOS

   Do que foi unha mesa de pedra de lousa asentada sobre catro chantas, tamén de lousa, só queda unha destas pezas no lugar das Santas, na parroquia de Santa Cruz de Lebozán.


   A mesa foi levantada para que conferenciaran os tres bispos (Santiago, Lugo e Ourense) neste pequeno lugar que pertencía a esas tres dioceses e que aínda na actualidade pertence a tres concellos: Irixo, Boborás e Beariz.

   A raíz do Decreto 1456/57 da Sagrada Congregación Consistorial, dado en Roma o 17 de outubro de 1954, o Nuncio do Vaticano en España, executou ese Decreto o 7 de marzo de 1955, que se fixo efectivo ó ano seguinte, é dicir en 1956, polo que a parte das Santas que pertencía á diocese de Lugo, e a que pertencía á arquidiocese de Santiago, pasaron a pertencer, unicamente á diocese de Ourense, quedando deste xeito, todo o lugar unificado.

   Con este decreto, perdéronse case nove séculos de historia e o tempo foi facendo tamén que as pedras da mesa foran desaparecendo paulatinamente, primeiro polo abandono e o esquecemento e despois por culpa do cambio de trazado na estrada que une Pontevedra con Barbantes.

   A única pedra que queda na actualidade, do que foi a mesa dos Bispos, é como se dixo máis arriba, unha chanta de lousa nunha finca de labradío, do lado esquerdo da estrada 541, con dirección a Ourense.




A EIRA DA FORXA



   Esta eira está situada no lugar da Forxa, no lado norte do Camiño Real, nun espazo totalmente aberto e lindando coas mesmas fincas que forman o fermoso val de Beariz.


   Tanto o piso da eira como os hórreos foron recentemente restaurados, de xeito simétrico, polo que ambos perderon ese fino sabor enxebre das cousas populares. Consta de oito hórreos mixtos, moi semellantes entre si, a maioría de tres claros, e todos, como é costume en Beariz, con cuberta de lousa. Están colocados en dous grupos, perfectamente diferenciados pola súa orientación: norte sur e levante poñente. Uns érguense sobre columnas biseladas e outros sobre perpiaños dunha soa peza.

   Ata o primeiro cuarto do século XX, tamén se celebraban Corridas nesta eira, que foron en decadencia, ata perderse de todo, pouco antes da Guerra Civil, posiblemente devido á masiva emigración dos mozos e canteiros que se desprazaban a outras rexións de España, para as construcións, sobre todo, dos túneles do ferrocarril.















A EIRA DE OUTRALDEA

LEBOZÁN




   Está situada este eira no lugar de Lebozán, nunha especie de bagoada profunda, orientada ó solpor e ó vendaval. Ten un terreo moi espazoso e os hórreos están situados, case todos na parte máis occidental da eira, cerca do camiño, o que permitía realizar os traballos da malla, con moita amplitude.


   Na actualidade, está completamente abandonada e os doce hórreos, todos  eles mixtos, aínda que algún, restaurado  con ladrillos e tella curva no cumio, levan cuberta de lousa.


   Esta é unha das eiras, pola situación na que está; pola súa amplitude; polo adecuado do seu terreo para realizar as labores agrícolas; polo seu valor etnográfico, que valería a pena recuperar para o futuro, xa que neste lugar, hai anos se celebraban festas con pandeiretas, e desfiles dos entroidos, que tiveron moita importancia na parroquia de Lebozán. Ten acceso de carro polo camiño da Devesa e unha parte do seu piso de lousa está recentemente restaurado.

  


A EIRA DO NAVAL DA LAXA.
Lugar de Magros, parroquia de Santa María de Beariz.

   É esta unha eira verdadeiramente fantástica. Está situada na parte máis oriental do lugar de Magros, mirando cara o Castro que a contempla dende o alto ao tempo que escoita como o río se precipita polas laxas abaixo, e vai movendo os muíños que están colgados da ladeira meridional do Marcofán. É unha eira completamente aberta e soleada; unha eira espazosa, á que se accede sen dificultade, onde hai sitio de abondo para facer todos os traballos relacionados co millo e co centeo e poder servir como escenario das inquedanzas literarias deste pobo.


   Hai nesta eira, coñecida tamén coma “eira da Laxa” 13 hórreos mixtos, a maioría de tres claros. A estrutura é toda de granito con piso de pedra e a cubrición de lousa. Na actualidade só tres están con balaústres de madeira. Os demais están completamente abertos.

   Nesta eira, representáronse ata a década dos sesenta, do século pasado, a maior parte das “corridas” e “entremeses” que se celebraron no lugar de Magros. Coa emigración, primeiro a Europa e logo a México da maioría dos veciños, foise perdendo o costume de facer as representacións teatrais e por falta de uso, os hórreos fóronse abandonando e ás lousas do chán, onde se facían as mallas, víronse invadidas polas herbas, as silvas e por todo tipo de maleza.

   En moitas eiras de Montes, coma esta, collían sona os poetas e valía os oradores, que cando remataban os seus versos, recibían como premio, os aplausos e o recoñecemento da concorrencia. Eran versos, ás veces picantes e outras cheos de ironía, pero versos sempre inspirados no vaivén do día a día, como aquel que interpretaban dous mozos e reza así:

-De onde ves compañeiro?
- Véñoche moi cansadiño
desa feira de Agolada.
-Pois si te vexo cansado
e tamén moi abatido!.
-Como ando tan cansado
e tamén tan abatido,
voume meter taberneiro
e non hei volver ao muíño,
e as nais da mozas solteiras
pódenlle ter unha misa
a un santo que hai no Corpiño.
-Se te metes taberneiro,
Nosa Señora do Carme!,
vas ter que por de cuartillo,
a nosa campana grande.

   As representacións escenificábanse con todos os elementos que a xente tiña ao seu alcance. Nunha ocasión, nesta eira do Naval, facía a entrada triunfal o protagonista do entremés, subido nun carro de vacas e, cando este paraba no medio do escenario, comezaba a declamar os versos dicindo, todo acontecido:

-Na miña vida vin outra,
nesta eira do Naval:
a un carro de dúas vacas,
chamarlle “coche oficial”!.












A EIRA DO NAVAL DOS FRADES
Lugar do Candedo, parroquia de Santa María de Beariz.

   Está esta eira do Naval, que ten catro hórreos mixtos, de dous claros cada un, situada na parte máis oriental do Candedo, mirando abertamente ao alto Marcofán e rodeada, tanto polo norte como polo sur, por unha fileira de casas apiñadas que a defenden tanto do vendaval como da xistra, e o muro dos “frades”, é o que a pecha por poñente.


   Esta eira, está no medio da eira dos “Balboas” e da eira da “Fragua”,  situadas ambas a distinto nivel e protexidas por muros de contención de lousa, ás que se accede, dende o interior do Naval, por medio de escaleiras e dende o exterior, directamente polo camiño. Tamén nesta eira se celebraron “corridas” grazas ao espazo enlousado que hai libre no seu interior, xa que os hórreos, están colocados unicamente ao seu arredor.







A EIRA DO LOUREIRO
Lugar de Magros, parroquia de Santa María de Beariz.

   O que é propiamente a eira do Loureiro está situada nunha especie de rechán que hai nunha ladeira de pendente moi pronunciada, aberta ao medio día e resgardada do norte.

Os hórreos están colocados en ringleira aproveitando a pendente do terreo, de tal xeito colocados, que reciben sen atrancos, as correntes de aire.


   Dende baixo a eira, coroada no alto por un loureiro, de aí o seu nome, asemella un escenario deseñado para representar nel as obras de teatro, polo que nela se escenificaron moitas corridas e das que aínda hoxe hai quen lembra versos que fan referencias a esta fermosa eira.

Válgame Dios de los cielos!
ó que chegou o Loureiro!:
eu vestido coas enaguas
e meu irmán co caldeiro!.


















O CASTRO DE MAGROS


   Trátase dun castro celta situado sobre o monte do Castro, no lugar de Magros. Este lugar posiblemente estivera poboado ata o século IV despois de Cristo, dado o tipo de pequenos restos de cerámica que se atoparon no seu recinto, case sempre  a flor de terra, xa que non se fixeron escavacións nin estudos en todo o que é o seu recinto. (Refírome a traballos científicos)


   Eu nos meus tempos de estudante, no Seminario de Ourense, nunha ocasión que o fun visitar, atopei, mesturada entre outras pedras que había na desfeita dun  muro, unha moa de muíño de man, rota, pero ben conservada, que se pode ver na Sala de Xuntas do Concello de Beariz.

   Trátase dun recinto amurallado que conserva parte dos antigos muros sobre todo polo lado oriental, onde o acceso é máis accesible. A muralla, realizada en cachotería de granito, desapareceu na maior parte do recinto, xa que sobre todo, os veciños de Magros, atoparon neste lugar, unha canteira da que sacaron pedras, tanto para levantar muros de ficas como casas dentro do propio lugar.

   As antigas vivendas castrexas a penas son perceptibles. A maioría están cubertas con terra e habería que facer  unhas escavacións moi concienzudas para poder sacalas á luz.

   O recinto propiamente do Castro, como xa se insinuou máis arriba, só é expugnable polo lado oriental. O resto do monte é un inmenso outeiro de granito cos bordes case en vertical, o que facía que a penas, precisara de muralla.

   A redor deste Castro de Magros xurdiu unha enorme cantidade de lendas, como en todos os Castro de Galicia, sobre os “mouros”, ós que se adoita confundir coa poboación prerromana que habitou a Península Ibérica antes e durante o dominio do Imperio de Roma.

   A panorámica que hai dende o Castro de Magros é francamente fascinante. Ábrense ó solpor os montes da Serra do Suído e do Seixo e as faldras dos montes máis pequenos, polos que o río Avia, que acaba de nacer na Portela da Cruz, vai recibindo as augas dos demais afluentes, formando profundos barrancos que se perden polo lado meridional, onde se ven ó lonxe o Faro de Avión e a Pena Corneira, case debruzada encima do Ribeiro. Deféndeno dos ventos do norte o Monte Marcofán e polo levante, érguese Porto de Bois.








O CASTRO DE GARFIÁN

   Este pequeno castro está situado ó norte do lugar de Garfián sobre un outeiro de difícil acceso, en especial se se intenta o ascenso dende este lugar ou polo lado norte. Desapareceron del case completamente as murallas exteriores e as vivendas castrexas tampouco son perceptibles a causa da esquilma descontrolada dos veciños, que empregaron as pedras, a maioría de lousa, para a construción de muros de fincas e casas veciñais. Quedan del moi poucos vestixios, xa que os seus terreos foron repartidos, na súa maior parte, entre os veciños da Forxa e de Garfián. 

   Hai un número importante de lendas en torno a este Castro, sobre todo, no referido a tesouros, que supostamente, varios veciños atoparon, movendo grandes laxas que había nos seus arredores. O máis soado é dun xugo de ouro que din que atopou un dos antigos ancestros da familia do Patacas de Garfián.

   A panorámica deste Castro é fascinante, xa que está completamente aberto ós catro puntos cardinais. Pódense ver ó norte o pico de Lamas e os lugares da Alta; ó solpor a Serra do Suído e o Monte Seixo; ó sur, Pena Corneira e a serra de Avión e polo levante, Marcofán, Porto de Bois e os montes que forman os canóns do Avia, camiño do Ribeiro.




















PONTE BARCIA

O Candedo


   Trátase dunha pequena ponte de dous ollos sobre o río que D. Ramón Otero Pedrayo considera Avia, que nace nas brañas da Ermida, ó seu paso por Barcia. Posiblemente esta ponte, realizada con grandes lousas, tanto no piso orixinal como nos muros, pertenza á alta Idade Media, polo que a podemos encadrar entre os séculos XIII e XV.

   A técnica empregada na construción desta ponte, que comunica o lugar do Candedo coas parroquias de Pardesoa e Presqueiras, é a mesma que a empregada na ponte Baíste e na Torre da Alarma de Barciela.

   Na actualidade, esta ponte foi ancheada mediante unhas vigas de formigón, que van asentadas sobra a orixinal o que lle deu ademais maior altura sobre o nivel do río. Esta reforma levouse a cabo despois de que os montes pertencentes ós lugares do Candedo e  Forxa, sufriran a repoboación indiscriminada de pinos, realizada pola “Forestal”. O motivo foi, que debido a súa estreiteza orixinaria, os camións que transportaban as toradas das árbores, corrían serio perigo de caer ó río.

    É moi común que neste lugar, debido a estreiteza dos ollos de desaugue e á moita broza que alí se acumula, haxa cada ano algunha chea, onde a auga supera a altura da ponte. Pero esta, leva aguantando durante séculos,  sen sufrir o máis mínimo deterioro, as forzas descontroladas das augas do Avia de D. Ramón.



  

MÁMOA DE SANTO DOMINGO


   Este monumento funerario do megalítico, está na parte meridional da carballeira de Santo Domingo. Orixinariamente era un gran promontorio de terra que foi profanado a principio dos anos setenta. No seu interior, que tiña unhas grandes chantas de lousa, colocadas ó xeito de capela, atopáronse varias bólas de ferro  e unha punta de lanza, tamén do mesmo material.

   Na actualidade tapáronlle o cume e puxéronlle un pequeno enreixado arredor.

   Non moi lonxe deste lugar, concretamente, na Portela da Cruz, case encima das fontes do Avia, érguese tamén, unha enorme mámoa, que hai anos, foi completamente profanada e partida pola metade por unha potente escavadora ó tratar de facer unha pista que corre ó longo da Serra do Suído.

  




















MÁMOA DA ERMIDA


   Está este monumento funerario da época megalítica nun monte pertencente ó lugar da Ermida, moi preto do muíño das Vechas, ó lado dereito da estrada que une San Cristovo coa nacional 541.

   Da a impresión de que foi profanado, costume que houbo en Galicia de furar polo medio estes monumentos, porque había sobre eles varias lendas que dicían que os mouros deixaran alí gardadas antes da súa expulsión os tesouros de ouro e sollas que tiñan para volver por elas, cando cambiaran as tornas da política.

   Relativamente cerca deste lugar, concretamente na Chancela, hai tamén varias mámoas, que permanecen alí como mudas testemuñas, da presenza do ser humano nesta terra.















MÁMOAS DO VAL DO LODEIRO



   Hai neste monte do Val do Lodeiro, pertencente ó lugar da Forxa, media ducia de mámoas que foron todas profanadas varias veces, na procura dos tesouros que as lendas dicían que había nos seus interiores.

   Este monte, case todo chairo, como o seu nome indica, está situado ó solpor do Castro de Garfian e as mámoas, colocadas case en ringleira, dan a impresión de que formaron parte dun lugar funerario moi importante.

   Non temos recollido ningún elemento procedente da profanación destas mámoas, ou ben porque non se atoparon ou se se atoparon, perdéronse. O único que quedan, son as lendas que fabulou a xente ó calor da lareira, nas noites de invernía e que lle contaban os vellos ás novas xeracións, de que nas mámoas das Seves, que tamén así se chaman, os mouros deixaron enterrados ouro e sollas, antes de fuxir expulsados polos reis Católicos.












O SERRADOIRO DO CORNELLO


   En Silleda, o día seis de decembro de 1887, diante do escribán desa vila, D. Manuel Vázquez, o veciño de Beariz, o tamén chamado, Manuel Vázquez, comproulle a Don José María Vázquez, do pobo de Silleda, o monte e prado chamado Cornello, sito en Santa María de Beariz e di o comprador, que o diñeiro que custou esa finca, a metade a recibiu do seu fillo Demetrio Vázquez e a outra metade, do seu xenro, Benito Gulías Ogando. Así o firman o escribán, o comprador e as testemuñas alí presentes.

   Esta compra foi o comezo da edificación dunha presa e dun serradoiro de madeira que Benito Gulías Ogando, coñecido como o Currucho, levantou no Cornello e que durou ata 1960, ano no que trasladaron a guía e parte da maquinaria, para a serraría do Bouzo, que funcionaría con electricidade.

   O serradoiro do Cornello funcionaba coa auga que por unha presa escarvada na laxa viva que hai na ladeira do monte, e que aínda existe, chegaba a unha roda grande de madeira, ó xeito de nora, que facendo mover unha serie de engrenaxes, conseguía que unha cinta dentada, xirando sobre dúas rodas colocadas unha sobre outra, cortara as toradas para facer táboas.

   Fixéronse neste serradoiro todo tipo de traballos que se precisaban para a edificación de casas, coma táboas, cangos e pontóns; todas as partes que cumprían para a construción de carros e outros aparellos de labranza; a madeira que os carpinteiros necesitaban para facer todo tipo de mobles. En fin, a serraría do Cornello foi un referente para a toda a comarca de Beariz, durante setenta anos. Do Cornello saíron táboas, no só para todas as partes de Galicia, senón tamén, para moitos lugares de España. Saían do Cornello camións cargados de táboas ata a estación de Ribadavia e de alí, collían os camiños do vento.

   Na actualidade, quedan neste lugar, como mudas testemuñas dun pasado de esforzos, a presa e os muros do serradoiro, vendo pasar ós seus pés, as tranquilas augas do Avia de Risco e de Don Ramón.

   Dende estas páxinas, pido para ó Currucho, para a súa xente e para todos os esforzados que traballaron no Cornello, a bendición eterna.




O MUIÑO DE BARCIA


   Non é que o muíño de Barcia sexa o mellor muíño de Beariz. Nin moito menos. O muíño de Barcia é un de tantos muíños de cal que hai nas beiras dos ríos e regatos que bañan este concello. Pero o muíño de Barcia ten para min unha connotación especial, xa que nel, a miña familia, ten unhas cantas horas de moenda cada semana e dende os meus tempos de rapaz, acudín a este muíño tanto para “apolo” como para “barrelo”.

   O muíño de Barcia é un prototipo dos muíños de Beariz que xa aparecen no Catastro de Ensenada coa descrición de “ una muela, canle y piedra negra”.  Pois ben, o muíño de Barcia é unha pequena edificación, con tellado a dúas augas, construída totalmente con lousa. Abre unha porta ó medio día e unha pequena fiestra que lle da luz ó lugar onde está situada o pé sobre o que xira a moa. A fariña cae por todo o arredor do pé sobre un piso tamén de lousa moi ben rematada e encaixada, para que aquela non se perda. O rodicio orixinal era totalmente de madeira. O actual, de ferro, substituíu ó anterior a mediados dos anos sesenta do século pasado. Dende o interior, mediante unha trampiña, pódese “pear”, sen necesidade de baixar o cruceiro do seu punto de equilibrio.

   Quero dende o muíño de Barcia, facer extensivo o meu recoñecemento a todos os muíños de Beariz, que grazas a eles, puido comerse pan de trigo e de centeo coa fariña moída nos moitos muíños albeiros que hai nesta terra e tamén á inmensa maioría de muíños, que moían millo, o pan de cada día desta xente de ben, traballadora e honesta, que fixeron grande a Terra de Montes.

















AS MINAS DE ESTAÑO E WOLFRAN


         Nos tempos en que se fixo o Catastro de Ensenada na Terra de Montes (1752), non consta que nestas terras houbera algún tipo de minería. Posiblemente as minas de Beariz, xa traballaran bastante tempo antes, pero non temos constancia documentada destes feitos. Do que si temos constancia é que con motivo das dúas guerras mundiais a minería en Beariz acadou unhas cotas moi importantes, tanto na explotación destes recursos naturais como na súa elaboración e comercialización.

   Parece ser que foi a extracción de estaño a primeira que se levou a cabo nas nosas minas, por ser este metal un elemento imprescindible para a consecución de produtos de bronce. Pero foi o wolfran, a raíz da segunda guerra mundial o que levou a palma tanto no esforzo coma na remuneración económica, por ser este un elemento imprescindible para que os alemáns puideran fabricar un tipo de canóns, descoñecidos ata esa data.

   O seu prezo acadou a maior altura cando os ingleses decidiron mercar todo o wolfran que se producía non só en Beariz, senón en toda Galicia a un importe superior ó dos alemáns, aínda que non lles servía para nada ós británicos, porque non tiña a técnica necesaria para empregalo. Por iso, despois de mercalo e cargalo no Porto de Vigo, baleiraban os contedores detrás das Illas Cíes.

   Hoxe todas estas minas están completamente abandonadas polo que é un perigo poder acceder ó seu interior por causa dos derrubes. Hai algunhas, realizadas en rocha viva, como sucede coa de Barros en Penamarela, que ten un risco menor de esborallarse, pero aínda así, estas minas deben estar pechadas e selladas e coa indicación suficiente do perigo que representan, tanto no interior das galerías coma nas bocas, moitas delas, realizadas en vertical.

   A minería en Beariz, que como dixemos anteriormente, acadou o máximo esplendor durante os anos da Segunda Guerra Mundial. Unha vez rematada a contenda, foi perdendo empuxe, por falta de demanda, ata ser completamente abandonada a comezos dos anos sesenta.
















O FORNO DE FUNDICIÓN DO PAMBAL

Muradás


  Foi este o derradeiro forno de fundición de estaño que funcionou en Beariz, ata ben mediado os asnos sesenta do séculos pasado. Cando xa os fornos de auga e carbón, estaban en completo desuso e os seus donos, venderan as guías coas que poder realizar a fundición, abriu Claudino Ribas este forno moderno en Muradás, moi cerca da capela de San Pedro. Trátase dun forno que funcionaba exclusivamente a petróleo, polo que realizaba o traballo da fundición, non só de xeito moi eficaz, senón tamén de forma rápida, evitando ademais, moitas perdas de produto.


   O fogo, producido polo  moderno carburante, incidía directamente no forno, no que se depositaba o estaño o máis liberado posible de pedras. Unha vez que o estaño entraba en fase de licuación, este desprazábase para as partes máis baixas do forno e de aí saía ó exterior, onde se colocaban os moldes. Unha vez que estes estaban cheos, retirábanse para deixalos enfrear e posteriormente sacar os lingotes.


   O forno propiamente dito era dunha cerámica especial, moi resistente ás altas temperaturas e ía resgardado por unha enorme cápsula de ferro e illado con fibra de vidro, para manter mellor as temperaturas.

   O forno do Pambal ou o forno do Ribas, como así tamén é coñecido este fantástico forno de fundición, está hoxe convertido nun montón de chatarra enferruxada, pero aí segue, coma un monumento ó noso pasado mineiro e industrial,  aguantando as choivas e as calores desta terra, mirando sempre para ó alto Marcofán, coma se aínda estivera esperando que algún día, puideran saír do interior das súas entrañas, unhas padas de estaño, que fundir.

  




















A NEVEIRA DE SANTO DOMINGO


Xirazga


  
   Da Neveira de Santo Domingo, temos unha boa documentación no Catastro de Ensenada, do ano 1752. Na pregunta Nº. 17, á que se responde nos folios 574-575 do Libro de Interrogatorios, ó referirse ás Neveiras que hai na Terra de Montes, di: “Hay cuatro pozos de recoger nieve. Los dos de la feligresía de San Mamed de Millerada son del Deán y Cabildo de la ciudad de Santiago; otra en la feligresía de Santiago de Pardesoa es del Colegio de la Compañía de Jesús de la Villa de Pontevedra; otra en la feligresía de San Salbador de Jirazga que es de Don Gaspar Suarez Mosquera de la Villa de Pontevedra”.

   No Libro de Interrogatorios C/564/1, ó referirse tamén á parroquia de San Salvador de Xirazga, provincia de Santiago e Xurisdición de Montes, di con relación á Neveira: “Una llamada de Santo Domingo, propia de Don Gaspar Mosquera, vecino de la Villa de Pontevedra, se le reguló al año, Cien Cargas, y a cada una, ocho reales de vellón, que importan ochocientos” (1)

   O mesmo documento repite case ó pé da letra, pero un pouco máis adiante, o referido anteriormente e falando de novo da Neveira de Santo Domingo, di o seguinte: “Tiene esta feligresía un pozo de recoger niebe llamado de Santo Domingo en el qual se entregan cada año cien cargas de Niebe. Se reguló cada una a ocho reales que importan el todo de ella ochocientos reales de Vellón. Es propiedad de Don Gaspar Mosquera, vecino de la Villa de Pontevedra. Ya está otro escrito en esta Lista desta Nebera”. (2)

   Da documentación que nos da o Catastro, podemos deducir que a neveira de Santo Domingo era un pozo grande e importante, do que saían cada ano, cen cargas de xeo con destino sobre todo á cidade de Santiago e á vila de Pontevedra. O xeo, cortado en barras, era vendido polos “arrieiros de neve”, ou “traficantes de neve”, que o transportaban ós lugares de destino a lombo de cabalerías.

   Referíndose tamén ó negocio das Neveiras que tiña o Mosteiro de Acibeiro, di delas o Tumbo Grande: “Una de las mejores propiedades que tenía el Monasterio eran las Neveras que llegaron a valer algunos años cerca de mil ducados”, polo que o amanuense do Tumbo se laia, porque “...siendo así esto, han permitido hacer en los términos del Monasterio, tres Neveras...”. (3) (N.B.: Tanto as notas do Tumbo Grande como as do Catastro de Ensenada están copiadas “ad pedem literal”.)








   Da Neveira de Santo Domingo, que como acabamos de ver, se nos da boa conta tanto no Catastro coma no Tumbo Grande, na actualidade, despois da derradeira demarcación do territorio, quedou enclavada no concello de Forcarei. Está situada na ladeira do monte que mira ó norte por onde discorre a estrada que vai de Santo Domingo a Presqueiras e Ricobanca, a uns trescentos metros da capela, nunha especie de depresión que hai entre dúas ladeiras do monte, cuberta totalmente de toxos e uces. A Neveira,  quedou no medio dun cortalumes que abriron neste monte. Cando fixeron o referido cortalumes, para poder pasar con máis facilidade, atuíron a neveira con pedras, terra e todo tipo de escombros, polo que non está á vista, senón completamente tapada.



(1)  Gulías Lamas, X. Evolución Socioeconómica das parroquias de Lebozán, Beariz e Xirazga. Páx. 142.
(2) Gulías Lamas, X. O. C. Páx. 145.
(3) Gulías Lamas, X. O.C. páx. 136.





















REITORAL DE BEARIZ



   A Reitoral do Priorado de Santa María de Beariz ardeu nun incendio que se orixinou o 15 de agosto do ano 1748, polo que se perderon todos os documentos que alí se gardaban. O que non consta en ningún documento, é se na súa reconstrución, aproveitaron as antigas paredes ou fixeron todos os muros de novo.

   O Catastro de Ensenada cando fala do “Priorato de esta feligresía anexo al Monasterio de Santa María de Acibeiro”, aínda que non fai referencia ó incendio, da a entender que nesa data xa estaba totalmente reconstruída, pois di: “Casa. Una alta, con su cavalleriza. Está en el lugar de Candedo, tiene de frente diez y seis varas y de fondo diez y seis y media; derecha camino, izquierda, huerta propia. Su alquiler al año, ochenta reales de vellón. Hortaliza: Adheriente a dicha casa, cavida cien ferrados, quatro concas; yerbal regadío. Un ferrado huerta y el resto regadío. Tada la finca zercada”. (1)

   A actual casa tivo no ano 1954 unha reforma bastante importante, na que lle abriron unha galería sobre o seu muro meridional e no ano 1960 abríronlle unha porta de acceso sobre o seu muro occidental. A razón de abrirlle esta porta foi debida a que lle fixeron un acceso á finca pola estrada, xa que orixinariamente a súa única entrada era polo Camiño Real.

    Tamén polo Camiño Real, había un acceso común á finca do Priorado para coller auga na “Fonte do Cura”, aberto para todos os veciños. Este dereito,  que procedía da época medieval, perdeuse para todos os veciños do Candedo e Forxa no ano 1955, cando o cura D. Francisco Otero, puxo unha cancela, impedíndolle a entrada a todos os veciños. Con esta decisión arbitraria, perdeuse unha tradición centenaria que ningún freire nin cura, que atenderon esta parroquia, cuestionaran.


(1) Gulías Lamas, X. Evolución Socioeconómica das parroquias de Lebozán, Beariz e Xirzga, 1752. Pax. 106.







CAPELA DE SANTA RITA DOS LIÑARES



   Esta capela de Santa Rita, está situada na parte norte do lugar dos Liñares e foi  levantada a finais do século XX.  Pertence á parroquia de Santa Cruz de Lebozán, e non hai tradición doutra capela neste lugar, xa que foi levantada de raíz.  É unha fermosa obra de cantería gris, tipo Grisal, realizada con perpiaños a corte vivo e encintados. Consta dunha soa nave sen ábsida coa fachada completamente lisa e rematada nunha pequena espadana dun só corpo con dous arcos peraltados para acubillar as campás e rematada nunha cruz simple.

   Está erguida sobre un rechán que fai de adro, e o piso, perfectamente lousado vai cercado  por un muro de obra de albanelaría. Accédese ó seu interior por medio dunha porta cun arco circular moi rebaixado. Polo lado meridional abre unhas pequenas bufardas que lle dan luz ó interior e leva cubrición de tella a dúas augas.




























PÉ DA PÍA BAUTISMAL DE BEARIZ

(Séculos XIII-XIV)


   Do seu pasado medieval, ademais das dúas marcas dos canteiros que hai na tribuna e na fachada occidental, a igrexa de Beariz, tamén conserva o pedestal da súa vella Pía Bautismal, que foi trocada por outra de mármore por D. Henrique Cachafeiro, que rexentou esta parroquia entre os anos 1901-1914.


   Na actualidade, este pedestal, algo deteriorado, serve de chanzo para acceder á Torre de Cerviño. Trátase dunha peza de base cadrada con tres flores de catro pétalos estriados e moi carnosos con botón central en cada unha das caras da escocia. Está furado no centro para darlle saída a auga, que ía parar a un pequeno foso aberto no chan do baptisterio.

   A pía era unha semiesfera con forma de copa. Estaba decorada na parte superior cunha fina orla de bólas pouco pronunciadas, e conservouse no lado occidental do adro ata principios dos anos setenta, tempo no que foi esnaquizada, para servir de recheo ó firme de concreto que está cubrindo o piso por ese lado.



















PÍA BAUSTISMAL DE SANTA CRUZ DE LEBOZÁN

(Seúclos XIV-XV)


   O único elemento medieval que hai na igrexa de Santa Cruz de Lebozán é a súa Pía Bautismal fabricada en granito doce. Ten forma de cono invertido co borde liso na parte superior.

   O pedestal, enterrado en parte, consta de oito caras, con arquiños invertidos, ó xeito de bágoas, na parte alta de cada bisel. O seu estado de conservación é moi aceptable e está colocada ó lado norte da porta occidental. Podémola datar entre os séculos XIV e XV.





























PÍA BAUTISMAL DE SAN SALVADOR DE XIRAZGA

(Século XV)



      A única peza que se conserva na igrexa de San Salvador de Xirazga da súa antiga fábrica, é unha Pía Bautismal en forma de copa, co borde superior baquetoneado e ataviado en todo o seu arredor con anchas follas en alto relevo que arrancan do centro da base e rematan na parte superior da copa en forma de lingüeta. O pedestal é moi curto e o pé desapareceu.

   Consérvase esta peza na explanada do adro da igrexa parroquial, colocada diante do fermoso cruceiro de Xosé Cerviño.












                                                              




IMAXE DA VIRXE DE BELEN

CAPELA DA BOUZA



     Trátase dunha imaxe de Nosa Señora, realizada en pedra policromada, de claro estilo románico serodio, que no fronte da base leva unha inscrición que di: VIRGEN DE BELEN.
   A imaxe representa á Virxe María sentada nun pequeno trono cun Neno Xesús  tamén sentado sobre o seu xeonllo esquerdo e coa man dese mesmo lado agárrao contra si para que non caia, mentres que coa dereita sostén unha bóla. O Neno, de cabelos ondeados, sostén contra ó seu peito, coa man esquerda, un libro pechado.
   A Virxe viste unha longa prenda dunha soa peza con grosos pregos e caída lisa. Por encima, leva un manto  con pregos nos laterais e sobre este, cubríndolle a cabeza, vai un veo liso e remata cunha coroa de catro puntas (rota a da parte de atrás).


   Tanto o rostro da Virxe como o do Neno son de ollos grandes, narices grosas, beizos pouco prominentes, sobre todo os do Neno e rostros redondeados, que lle dan ó conxunto unha gran dozura.
   Na actualidade, posiblemente non conserve á vista ningunha pintura orixinal. A de mellor calidade é a dos rostros da Virxe e do Neno.  A do vestido do Neno, que na actualidade é branca, está a caer por anacos, polo que se pode apreciar por debaixo, outra de cor azul. Todo o resto da pintura da imaxe é extremadamente chafalleiro.     
   A imaxe, que mide oitenta centímetros de alto e vinte e oito de base, consérvase, do lado da epístola, na capela de San Bartolomeu da Bouza.
   Teño que dicir, que esta imaxe é a única Santa María que coñezo da época medieval  non só, no concello de Beariz, senón tamén, en toda a Terra de Montes.  Podémola encadrar entre os séculos XIII e XIV.     







IMAXE DE SANTA LUCÍA

CAPELA DA BOUZA

               
   Trátase dunha pequena imaxe de Santa Lucía, de clarísimo estilo popular, de uns vinte centímetros de alto que representa á santa avogosa da vista.

   Leva un vestido de dobre fondo completamente liso que lle chega ó chan, onde pousa e un manto que lle cubre a cabeza e só lle deixa ó descuberto o rostro. Coa man esquerda sostén unha ánfora e sobre a tapa desta, mostra os dous ollos mentres que a man dereita tena lixeiramente dobrada. Está feita en madeira e o policromado é excesivamente rudo. Posiblemente, sexa unha desas imaxes que facían os pastores a navalla para matar o tempo cando andaban no monte, gardando nas ovellas.

                               





















IMAXE DE SANTA LUCÍA

CAPELA DA ERMIDA


   Trátase dunha pequena imaxe de Santa Lucía, de estilo popular que se venera na capela de San Antonio da Ermida. Cabe a posibilidade de que fora tallada por un canteiro, en vez dun carpinteiro, xa que ten certas trazas das que usaban estes coa pedra cando realizaban figuras, sobre todo de santas, imitando ás Virxes románicas.


   Nalgúns detalles perde as proporcións, pero a pesar de iso, a talla é de gran valor etnográfico, xa que conta  con todos os elementos propios da figura que representa. Posúe unha gran cabeza con longa melena, faccións simples e moi equilibradas. O corpo é bastante proporcional e a vestimenta, moi sinxela e sen complicacións. As mans, sobre todo a esquerda, coa que nunha cunca, mostra os seus ollos, a santa, son demasiado grandes e os brazos moi curtos. Todo o demais, garda unha proporción harmoniosa, que lle da á imaxe unha fermosa serenidade.

   Foi recentemente pintada con cores demasiado rechamantes e excesivamente vivos, polo que perdeu parte do seu atractivo orixinal.

   Posiblemente a podemos encadrar entre os séculos XIV e XV.


























PANTEÓN DE MERELLES.

Santa María de Beariz de Montes

(Obra de Xosé Cerviño)


   Este panteón é coñecido en Beariz como o Panteón de Merelles, xa que foi mandado construír por D. Domingo Antonio Merelles, quen fora deputado, primeiro pola circunscrición de Ourense e finalmente pola de Carballiño, nas lexislaturas de 1839, 1841 e 1858-1863. Tamén foi senador pola provincia de Ourense na lexislatura 1871-1872. Foi pai de D. Adolfo Merelles y Caula, que foi deputado polo Distrito de Ribadavia entre os anos 1879 e 1907, a excepción dos anos 1891-1893 que fora elixido senador pola provincia de Canarias e entre 1896-1898 cando fora nomeado senador pola provincia de Ourense. Merelles y Caula foi o pai de D. Adolfo Merelles Martel, quen tamén foi elixido Deputado a Cortes polo distrito de Ribadavia, entre os anos 1910-1914, polo partido liberal. O monumento foi labrado por Cerviño a comezos do derradeiro cuarto do século XIX, posiblemente cando refixo a torre da igrexa parroquial de Santa María de Beariz de Montes, que fora derrubada por un raio.


   O monumento está acaroado pola parte meridional ó presbiterio da Igrexa parroquial de Santa María de Beariz de Montes. Consta de catro nichos superpostos, colocados lonxitudinalmente e rematados nun frontón semicircular pechado, cun medallón ovalado no centro e ataviado con lambrequíns, ó xeito de escudo onde está escrito, na actualidade case ilexible, o nome do propietario: PROPIEDAD DEL S. D. DOMINGO A MERELLES. Sobre o ápice, leva unha cruz cos vértices ó exterior e irradiacións na intersección dos brazos, ambos rotos.

   Todos os nichos, salvo o primeiro, que leva unha cartela simple e plana, están decorados nas paredes lonxitudinais. O segundo, que ten as paredes cóncavas, vai decorado cun par de panos, pendido cada un, de dous botóns e coas puntas caídas en vertical; o terceiro, leva en cada esquina unha flor de catro pétalos lobulados e o cuarto, vai ataviado cun reberete de follas anchas nos extremos.

   A cornixa do segundo, labrada en cuarto de toro é a máis elaborada, xa que está decorado con follas  trilobuladas e o terceiro, está rematado en peito de pombo con listel na parte superior; as demais son rectas. O frontón leva cornixa lisa en planos superpostos e media cana pola parte exterior cun par de bágoas nos asentos.

   Na 1ª Edición do ABC, do martes 21 de febreiro de 1911, aparece  unha publicación na súa páxina 8, que di: “En su casa de la calle Cervantes falleció anoche, a las ocho y veinte, el respetable hombre público D. Adolfo Merelles Caula.
Desde las Constituyentes del 09, el señor Merelles representó en el Congreso en casi todas las legislaturas, el distrito de Ribadavia, y ocupó en diversas ocasiones un puesto en el Senado por el voto de sus electores de Canarias y Orense.
Durante los gobiernos liberales desempeñó elevados cargos –director general de Obras Públicas y de Administración y Fomento, subsecretario de Ultramar y de la Gobernación y director general de Penales-, demostrando en todos ellos su rectitud, su elevado espiritu y su caballerosidad, cualidades que daban a su personalidad gran relieve, y por las cuales era generalmente estimado.
Sus grandes amigos los Sres. Sagasta y Marqués de la Vega de Armijo le distinguían con su cariñosa predilección.
Tenía el Sr. Merelles cariño inextinguible a Galicia, su tierra, á la cual prestó grandes y excelentes servicios, muy estimados por sus paisanos.
 Deja el respetable hombre público á su viuda la señora doña Sofía Martel y cinco hijos: dos varones, el diputado á Cortes por Ribadavia, D. Adolfo, y D. Fernando, y tres hembras, doña Magdalena, casada con nuestro compañero el redactor jefe de El Liberal, D. Enrique Trompeta; doña Antonia, casada con D. Manuel Muñoz, y doña Sofía, con D. Máximo Fernández de Robles.
A todos ellos enviamos nuestro sincero pésame”.
 
   Don Adolfo Merelles Martel, (fillo de Merelles Caula) que como dixemos máis arriba, tamén foi deputado por Ribadavia, entre o 8 de maio de 1910 e 1914, estaba casado con dona Carme Eguiluz Álvarez. O matrimonio, acompañado do seu fillo Adolfo e das súas fillas Carme e Luísa, pasaban os veráns en Beariz. Cando faleceu Dona Carme o 21 de xuño de 1964, na súa necrolóxica dise que se van celebrar misas gregorianas pola súa alma en Ribadavia e Beariz. A Merelles Martel, grazas ó seu paso pola política nacional, débeselle o inicio das obras da estrada OR. 213, que une San Cristovo con Beariz.

   





















No hay comentarios:

Publicar un comentario